Pestanas principais

Perderlle o medo ao medo con Celso Sanmartín, no programa Apego de Ames o próximo 5 de novembro

Xoves, 28 de outubro de 2021

O Servizo de Normalización Lingüística de Ames organiza “Medo me dá!”, unha sesión de contos con Celso Fernández Sanmartín centrada no medo, e precisamente, en perderlle medo ao medo, dentro do programa Apego do concello. Será este venres, 5 de novembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18.00 horas, para público familiar, con crianzas a partir dos 3 anos. A asistencia é de balde, mais cómpre realizar unha inscrición previa, dende este xoves, 28 de outubro, ata o 4 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, que indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Con “Medo me dá!”, o contador Celso Fernandez Sanmartín levaranos por diversos contos e lendas da tradición oral, nun percorrido polos medos infantís máis recorrentes e habituais. Durante a sesión, buscaranse formas para perder o medo ou para aprender a vivir con con el, mediante pequenos remedios simbólicos, como cantar ou asubiar, que nos poden ser útiles para tratar este tema coas crianzas.

O programa Apego, actividades formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario súmate ao apego na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Celso Sanmartín