Pestanas principais

A película galega O Apóstolo, nominada aos premios Goya, proxectarase este sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns

Martes, 12 de febreiro de 2013

[12-02-2013] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este sábado 16 de febreiro, ás 20:00 horas, a proxección do filme galego O Apóstolo, dirixida por Fernando Cortizo. Esta película estivo incluída dentro da programación de Nadal do Concello de Ames e agora volve a proxectarse nas salas amienses con motivo da entrega dos premios Goya 2013. A XXVII gala dos premios Goya terá lugar este domingo 17 de febreiro e nela O Apóstolo opta ao premio de mellor película de animación.

Deste xeito, Bertamiráns acollerá a proxección da primeira película europea de stop motion rodada en 3D estereoscópico. Este filme, que está recomendado para persoas maiores de 7 anos, foi recoñecido en festivais internacionais e estreado o pasado 31 de outubro. Os amienses xa puideron gozar desta historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago durante o Nadal. Agora, este filme volve a proxectarse nas salas amienses con motivo da entrega dos premios Goya 2013. A XXVII gala dos premios Goya terá lugar este domingo 17 de febreiro. O Apóstolo presentouse aos premios Goya con 14 candidaturas e opta ao premio de mellor película de animación.

A película narra a historia dun preso que acaba de fugarse do cárcere e intentará recuperar un botín agochado anos atrás nunha solitaria e apartada aldea do Camiño de Santiago, pero o que alí vai atopar suporalle unha condena aínda maior da que fuxiu. Sinistros anciáns, estrañas desaparicións, espíritos, un peculiar sacerdote e ata o mesmo arcipreste de Santiago cruzaranse no seu camiño nunha historia de suspense, humor e fantasía.

O filme, dirixido polo compostelán Fernando Cortizo, é a primeira película de animación europea realizada coa técnica stop-motion estereoscópica. A realización deste proxecto levou catro anos de traballo e contou coa participación de Philip Glass na composición da banda sonora e de máis de cen técnicos internacionais que traballaron en películas como La Novia Cadáver ou Coraline. Ademais, na película tamén interviñeron actores consagrados como Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy ou Luís Tosar.

O prezo das entradas será de 2 euros para os maiores de 18 anos e de 1 euro para os menores desa idade. As entradas para asistir a esta proxección poderán comprarse media hora antes do inicio da sesión.