[22-09-2014] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá os vindeiros días 2 e 3 de outubro as “IV Xornadas de igualdade e prevención da violencia de xénero” que este ano preséntanse baixo o lema “Acércate á igualdade”. O programa das xornadas, que organiza o CIM de Ames, inclúe conferencias para profesionais, un bloque para educadores e adoslescentes e talleres gratuítos para todos os públicos. As xornadas teñen como obxectivo achegar información e sensibilizar á poboación sobre a igualdade entre homes e mulleres, ademais de traballar na prevención da violencia de xénero. As xornadas teñen carácter gratuíto e os interesados/as non teñen obriga de asistir a todas actividades senón que poden inscribirse únicamente naquelas que lles interesen. As prazas son limitads e as inscricións poden formalizarse na páxina web www.acercateaigualdade.com. O peche das xornadas, que subvenciona a deputación de A Coruña e que contan co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Igualdade, correrá a cargo de Pedro García Aguado, presentador do coñecido programa da canle nacional Cuatro TV, “Hermano Mayor”.
Para a concelleira María Eugenia Martín, “educar á poboación na igualdade e sensibilizala sobre o grave problema que supón a violencia de xénero é fundamental se queremos acadar unha sociedade igualitaria na que ningún xénero estea por riba do outro, por iso, e seguindo esta liña, as xornadas, que son de carácter gratuíto, non so teñen un bloque de conferencias exclusivas para profesionais da área, senón que ademais está programado outro bloque que se centra na educación como estratexia de prevención e que está especialmente dirixido a educadores, adolescentes, pais, nais e calquera persoa ou organismo interesado no tema”.
O programa das xornadas incorpora distintos perfís de relatores de recoñecido prestixio. No bloque I abrirá a xornada Carmen Plaza Martín, Directora Xeral do Instituto da Muller, seguida por Pilar López Díez, prestixiosa periodista especializada en Xénero. A maña concluirá cunha mesa redonda que leva por título “Igualdade, formas de exclusión e mercado laboral”, na que intervirán Marta González Vázquez, Deputada do Partido Popular experta en xénero, Marta Irene Lois González, profesora da USC, experta en Políticas e Xénero e Eva López Barrio, en nome do Programa Woman Emprende da USC. A mesa estará moderada por María Coutinho Villanueva, Subdirectora Xeral de Traballo da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, da Xunta de Galicia.
Conferencias e obradoiros
As xornadas inclúen seis talleres de formato dinámico e participativo, aberto a persoas adultas, nenos e nenas. A oferta contempla talleres de comunicación e liderado, técnicas de relaxación e manexo do estres, así como un taller para pais, nais e educadores no que se abordará cómo educar as emocións para axudar aos nenos e nenas a que as xestionen positivamente. Simultáneamente, e co obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar dos asistentes, desenvolverase na biblioteca un obradoiro de contos aos que poderán asistir nenos e nenas de entre 6 e 10 anos. Os talleres “Saúde da muller e conciencia do corpo” e “Defensa persoal”, no que se aportarán nocións básicas de autodefensa para aquelas persoas que queiran adestrar a súa reacción fronte a un posible ataque ou agresión, completan o programa.
O taller de “Comunicación e Liderado”, será impartido por Belén Varela, escritora galega especialista en comunicación e RH positivo. O taller de “Defensa Persoal” , apto para todas as idades e o de “Técnicas de Relaxación e manexo do estres”, serán impartidos por Susana Mosquera, psicóloga especialista en coaching e mindfulness. A escritora Charo Pita, á mesma hora que se impartirá o taller sobre emocións especialmente orientado a educadores, pais e nais, impartirá un obradoiro para os nenos e nenas máis pequenos que leva por título “Contos Igualitarios” e que ten como obxectivo achegar aos máis pequenos á educación en igualdade. O taller que aborda a saúde da muller a través da conciencia do corpo, empregando técnicas propias da danza, será impartido por Martha Franco, experta en danza e expresión corporal.
O último bloque destas xornadas está destinado á educación e a prevención da violencia de xénero e está especialmente indicado para público adolescente, educadores, pais e nais. Abre esta xornada Silvia Escribano, profesional madrileña experta en coaching e desenvolvemento de persoas, coa conferencia “Educar para a igualdade emocional”. De seguido, persoal das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, experto nas relacións entre mozos e mozas, abordará a cuestión da prevención neste colectivo. O peche das xornadas correrá a cargo de Pedro García Aguado, presentador do coñecido programa da canle nacional Cuatro, “Hermano Mayor”. O presentador falará de “Aprender a educar e as relacións dos mozos e mozas na familia”.
Sensibilizar a toda a poboación
Todas as conferencias, mesas redondas e talleres teñen como obxectivo acercar a igualdade a todo tipo de público, facendo partícipe á comunidade na sensibilización nesta materia, trasladando a importancia da educación como estratexia de prevención da violencia de xénero. Neste senos, a concelleira de Servicios Sociais, María Eugenia Martín, indica que “a iniciativa das xornadas pon de relevo a responsabilidade e o compromiso da área de servizos sociais do Concello de Ames coa Igualdade entre homes e mulleres, así como coa intervención, a sensibilización e a prevención da violencia de xénero”. “Dende a concellería de servizos sociais -salienta a concelleira- somos absolutamente conscientes de que para facer fronte a esta lacra social é preciso empezar pola educación dos máis novos, para que se corte a cadea que reproduce os estereotipos machistas que redundan na desigualdade e na violencia contra as mulleres”. Ademais, a concelleira agradece a colaboración de todos os axentes que fan posible acercar aos veciños e veciñas de Ames a oferta dunhas Xornadas tan ambiciosas coma estas”.
Inscrición gratuíta As persoas interesadas poden inscribirse soamente a aqueles talleres e bloques aos que queiran asistir, sen necesidade de inscribirse na totalidade das xornadas. O Concello quere destacar que tanto as conferencias como os talleres son gratuítos para as persoas asistentes, as prazas son limitadas e poderán formalizar a súa inscrición na páxina web das xornadas www.acercateaigualdade.com. Ademais as xornadas, que tamén están aberta ás redes sociais, dispoñen dunha conta de twitter @amesacercate. O Concello anima aos usuarios a empregar o hashtag #acercateaigualdade para deixar mensaxes ou imaxes a prol da igualdade e da erradicación da violencia de xénero. As "IV Xornadas de igualade e e prevención da violencia de xénero”, Acércate á igualdade" están subvencionadas pola Deputación da Coruña, e contan co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Igualdade.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Las Xornadas de Igualdade de Ames incluirán un taller sobre defensa personal"