- Tematica
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, visitou esta mañá a Casa do Concello de Ames, onde foi recibido polo alcalde, Blas García, concelleiros e concelleiras do goberno municipal e dos grupos políticos do Partido Popular, BNG e Espazo Común. Durante a recepción institucional abordáronse diferentes temas de vital importancia como o proxecto para construír un acceso directo dende a SC-20 cara a avenida Muíño Vello e o parque empresarial Novo Milladoiro; a reconversión nunha senda do vello tramo ferroviario Fraiz-A Moniña; o estado de conservación da Ponte Maceira; a liberalización da AP-9 e o acceso á vivenda da veciñanza de Ames. De seguido, achegáronse ata a Casa da Cultura de Bertamiráns onde estes días 2, 3 e 4 de xuño está prestando servizo unha das novas unidades móbiles de expedición do DNI e pasaporte da Policía Nacional.
O alcalde de Ames, Blas García, xunto aos concelleiros e concelleiras do goberno municipal e dos grupos políticos do Partido Popular, BNG e Espazo Común, participaron esta mañá na Casa do Concello, nunha recepción institucional ao delegado do Goberno, Pedro Blanco, que asinou no libro de honra do Concello de Ames.
O alcalde, Blas García, agradeceu a visita do delegado do Goberno, Pedro Blanco, ao Concello de Ames. “Fixémoslle unha recepción na Casa do Concello onde estiveron os concelleiros e concelleiras de todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal. Alí o que fixemos foi agradecerlle ao delegado o traballo e mailo apoio que se presta desde e a Delegación do Goberno ao Concello de Ames. Hai uns meses tivemos unha xuntanza co delegado na que se lle trasladaron varias necesidades, as cales na maior parte están atendidas, como pode ser a creación da comisión de seguimento das obras de humanización do Milladoiro, a través da cal se mellorou bastante a execución das obras que van a un bo ritmo”.
Blas García tamén destacou o investimento que está facendo o Goberno do Estado en Ames “con máis de 4 millóns de euros na humanización do Milladoiro; máis dun millón de euros a través do plan PERTE, para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga; e outras colaboracións como son a solicitude de 15 millóns de euros para o Plan EDIL, a través do cal se pretende humanizar o concello de Ames. Temos que estar agradecidos coa aposta do Goberno do Estado e pola boa disposición que ten sempre o seu delegado Pedro Blanco”.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, agradeceulle ao alcalde e aos concelleiros e concelleiras da Corporación municipal pola recepción. “O Concello de Ames é un exemplo en moitas cousas. Está sufrindo unha transformación grazas aos proxectos de humanización e logra medrar de forma sostible grazas ás políticas de conciliación e a aposta pola industrialización. O Goberno de España é o único que está realizando investimentos produtivos nos concellos, e vai seguir apostando por Ames. Levamos investidos case 11 millóns de euros en Ames, dende a humanización do Milladoiro ata o PERTE do ciclo da auga, e existen outros proxectos que están pendentes como o Plan EDIL. Neste caso hai que destacar o papel do alcalde, que é dos que está pendente das oportunidades que ofrece o Goberno de España, a través dos fondos europeos. Ademais de solicitar ditos fondos é dos alcalde que executa dun xeito óptimo os fondos obtidos”.
Pedro Blanco continuou dicindo “Ames ademais de ser un concello no que se vive ben, gracias ao servizos que ten, é un concello con industria importante, xa que a través do PERTE Chip acabamos de conceder unha axuda de 1,4 millóns de euros á empresa Maxwell,do grupo Televés, que está situada no parque empresarial do Milladoiro. Polo tanto, Ames suma unha serie de condicións polas que ten que recibir todo o apoio por parte do Goberno de España. Ames necesita investimentos, e hoxe os investimentos nos concellos de Galicia estaos facendo o Goberno de España”.
Durante a recepción institucional abordáronse diferentes temas de vital importancia para o municipio amesán como o proxecto para construír un acceso directo dende a SC-20 cara a avenida Muíño Vello e o parque empresarial Novo Milladoiro; a reconversión nunha senda do vello tramo ferroviario Fraiz-A Moniña; o estado de conservación da Ponte Maceira e da súa contorna; a liberalización da AP-9; e o acceso á vivenda da veciñanza de Ames.
Humanización do Milladoiro
Sobre as obras de humanización do Milladoiro, nas que o Goberno do Estado está investindo 4,4 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, Next Generation EU, o delegado do Goberno dixo que “recorremos ao diálogo coa creación da comisión de seguimento, que se reúne de xeito periódico, e creo que as obras están indo dun xeito razoable, aínda que as obras sempre dan problemas e son molestas para quen convive con elas no día a día”.
Variante de acceso ao parque empresarial do Milladoiro
Un dos temas abordados hoxe foi o proxecto para a creación dun novo acceso ao parque empresarial do Milladoiro. Segundo dixo o alcalde, Blas Garcia, o proxecto “xa está no Ministerio para que lle dea o impulso definitivo. Xa se cumpriron todos os prazos correspondentes de exposición pública, alegacións, e agora ao estar no Ministerio, pedímoslle ao delegado para que medie neste asunto para tratar de que se revolva o antes posible”.
Blas García engadiu “este proxecto é moi importante porque vai parello á obra de humanización do Milladoiro. Somos conscientes que entrar e saír da SC-20 cara a avenida do Muíño Vello é un pouco caótico debido ao tráfico de vehículos que hai. O que se pretende é que os vehículos que circulan pola SC-20 cara O Milladoiro, que non teñan que pasar pola rotonda, senón que accedan directamente cara a avenida do Muíño Vello”.
Outros dos temas tratados foi a liberalización da AP-9 e a gratuidade do tramo Santiago - Padrón. Sobre este asunto manifestouse Pedro Blanco. “Temos movido ficha cara a gratuidade da AP-9, sobre todo para os usuarios intensivos. Este ano fomos capaces de instaurar unha bonificación do 75%, polo tanto ese é o camiño cara o que estamos indo. Ademais, esa petición feita polos alcaldes da zona, con Blas á cabeza, está sendo obxecto de estudo”.
Unidade móbil de expedición de DNI e pasaporte
O delegado do Goberno e mailo alcalde aproveitaron a ocasión para visitar a unidade móbil de expedición de DNI e pasaporte da Policía Nacional, que está situada ao carón da Casa da Cultura de Bertamiráns estes días 2, 3 e 4 de xuño, prestando servizo á veciñanza de Ames. Estas novas unidades VIDOC poden atender ata a 44 persoas diarias.
Entre as primeiras paradas destes novos vehículos VIDOC, na provincia da Coruña, atópase o concello de Ames. Por primeira vez ofrécese dito servizo nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Con este novo sistema, a cidadanía pode renovar o DNI e, como principal novidade, tamén o pasaporte, xunto coa renovación dos certificados dixitais do DNI ou a actualización das claves electrónicas. Ademais, deste xeito, redúcese o tempo de xestión para estes trámites e, así, as persoas que solicitan cita neste servizo poden ter listos calquera dos documentos en cuestión de dez minutos.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames reivindica ante el delegado del Gobierno el enlace directo de la SC-20 hacia el polígono de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "El vial que aliviará el tráfico hacia el polígono Novo Milladoiro espera el OK de Transportes"















