Pestanas principais

Péchase a atención presencial nas oficinas municipais agás naqueles servizos considerados esenciais

Domingo, 15 de marzo de 2020

O Comité de seguimento para o COVID-19 reuniuse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, para acordar que se pecha a atención presencial nas oficinas municipais agás naqueles servizos considerados esenciais. O pasado venres, 13 de marzo a Alcaldía ditou un decreto polo que foron adoptadas medidas ante a situación xerada polo coronavirus COVID-19. Posteriormente, o Goberno do Estado declarou o estado de alarma, polo que foi preciso adoptar novas medidas adicionais que contribúan á contención da enfermidade garantindo o mesmo tempo o mantemento da prestación dos servizos esenciais.

O Concello de Ames informa que, dende este luns 16 de marzo de 2020 e durante o tempo que dure o estado de alarma declarado polo Goberno do Estado, se pecha totalmente a atención presencial nas oficinas municipais , agás aqueles servizos que son considerados esenciais: oficinas centrais de rexistro de Bertamiráns e do Milladoiro; servizo municipal de novas tecnoloxías; servizos sociais; brigada municipal de obras e servizos; brigada municipal de medio ambiente; cemiterio municipal; seguridade e emerxencias; servizo de conserxería; e servizo de limpeza municipal.
 
A atención nestes servizos esenciais serán unicamente telefónica e telemática. A atención presencial motivada unicamente en razóns de urxencia precisará cita previa. Preme nesta ligazón para consultar os números de teléfono e correos electrónicos de contacto dos diferentes departamentos.
 
Dende a Policía Local de Ames advirten que entre as medidas adoptadas están as de circular de xeito individual en vehículo e acudir as tendas de alimentación (carnicerías, froiterías, peixarías e panaderías), supermercados, farmacias... de xeito individual e non en grupo. Tamén estará regulada a entrada nestes establecementos para non completar o seu aforo.
 
 
Suspensión de prazos administrativos e tramitación telemática
A cidadanía tamén debe saber que se suspenden os termos e interrómpense os prazos administrativos para a tramitación de procedementos. O cómputo dos prazos reanudarase no momento no que perda vixencia a declaración do estado de alarma ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.
 
Ademais, lémbraselle a toda a cidadanía a posibilidade de tramitación telemática da totalidade dos procedementos municipais a través da Sede electrónica municipal.
 
Teletraballo ou traballo a distancia
Todos os empregados públicos municipais cuxas funcións permitan o seu desenvolvemento a distancia, prestarán o servizo dende o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. A tales efectos a administraron facilitará formulas de teletraballo ou de traballo a distancia.
 
Todos os empregados públicos que realicen funcións que non se poidan desenvolver mediante o traballo non presencial deberán permanecer nos seus domicilios, quedando as súas actividades suspendidas temporalmente, salvo que desempeñen funcións de carácter esencial. Este persoal deberá acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas funcións así o esixan porque así o determinen as xefaturas de cada servizo ou concelleiro/a responsable.
 
Naqueles casos en que as funcións de carácter esencial deban desempeñarse presencialmente, estabeleceranse as quendas necesarias para garantir a prestación do servizo e minimizar ao máximo o risco de contaxio laboral, arbitrando medidas organizativas para a protección da súa saúde, como pode ser a reordenación de espazos. Todos os empregados permanecerán localizables dentro da súa xornada laboral ordinaria. Deberán reincorporase os seus postos de traballo de forma presencial se así se require por necesidades do servizo.
 
 
Novas relacionadas:
Imaxe das oficinas de servizos sociais do Milladoiro