[14-07-2014] Entre o 15 de xullo e o 15 de setembro o roupeiro municipal non recollerá roupa co fin de poder ordenar e limpar as súas instalacións de cara ao vindeiro curso e tamén por descanso do persoal voluntario que traballa de xeito desinteresado neste servizo. A pesar diso, en todo momento seguirase entregando roupa a todas aquelas persoas que así o solicitaron. Este servizo creouse co obxectivo de facerlle fronte á necesidade básica de roupa e calzado do colectivo de poboación amiense menos favorecido.
Dende o 15 de xullo ata o 15 de setembro o roupeiro municipal do Concello de Ames terá pechadas as súas instalacións para un mellor acondicionamento de toda a roupa que foi entrando durante este ano. Aínda así, seguirase facendo entrega de todos aqueles paquetes de roupa que teñen maior urxencia. Durante estes meses, o persoal voluntario que, de forma desinteresada, traballa neste servizo tomarase un merecido descanso.
O roupeiro está situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea nova. Neste lugar almacénase a roupa recollida nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro e fanse os paquetes que posteriormente se distribúen. As persoas voluntarias son as principais responsables do funcionamento deste servizo que está en marcha dende o ano 2003. O roupeiro municipal de Ames leva funcionando once anos para atender as necesidades das persoas con menos recursos do concello grazas ao esforzo e ao traballo de persoas voluntarias que xestionan este servizo.
A roupa recóllese nos centros socioculturais tanto de Bertamiráns coma do Milladoiro, entre o luns e o venres, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Alí pódese achegar toda a veciñanza a doar a roupa que desexen, incluíndo calzado, roupa de cama, toallas, carriños e roupa de bebé e mesmo colchóns, mantas e cortinas. Dende alí, a brigada municipal traslada todo o material acumulado ata o depósito do roupeiro municipal situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova.
As voluntarias son as encargadas de recibir as pezas de roupa, facer a escolla das que estean en bo uso, almacenalas no roupeiro e entregalas ás familias máis desfavorecidas do concello, sempre baixo a supervisión do técnico da Oficina de Voluntariado. Cando chega unha petición por parte dalgún usuario ou usuaria, as voluntarias seleccionan a roupa que mellor se axeite ao caso correspondente e elaboran un paquete adaptado ás características e demandas do/a solicitante.
A oficina de voluntariado tramita as solicitudes de roupa
As familias que desexen solicitar paquetes de roupa terán que achegarse ata a Oficina do Voluntariado e alí o persoal que xestiona este departamento realizará unha ficha cos datos da súa solicitude. Este departamento está situado na Casa da Cultura de Bertamiráns, pero tamén atenderá as necesidades da veciñanza na Casa da Cultura do Milladoiro os luns e os mércores en horario de 9:00 h a 12:00 horas da mañá.
Por outra parte, todas as persoas que queiran botar unha man e prestar axuda ás voluntarias e ás persoas que máis o precisan ou resolver calquera dúbida, poden informarse de xeito presencial na Oficina Municipal de Voluntariado, situado na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 377 044, ou a través do Facebook (voluntariado de Ames).




