Pestanas principais

Pecha ata o próximo verán o servizo municipal de bibliopiscinas cunha gran festa na área recreativa de Tapia

Sábado, 31 de agosto de 2013

[31-08-2013] Este sábado pola tarde púxose o punto e final a unha nova edición do programa de bibliopiscinas, que se desenvolveu dende o día 1 de xullo na área recreativa de Tapia, de martes a domingo, e nas piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, de luns a venres. Para elo celebrouse unha festa na praia fluvial de Tapia na que os nenos e nenas puideron participar nun obradoiro de maquillaxe no que os monitores/as lle pintaron a cara, actividades de globoflexia, xogos tradicionais e xogos con globos de auga. A actividade estrela foi a festa da espuma na que participaron un gran número de nenos/as, e incluso os pais e nais dos cativos. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, tamén se achegou ata Tapia participar nesta festa de clausura das bibliopiscinas.

Outra das actividades que espertou unha gran expectación foi o obradoiro de maquillaxe. Os nenos e nenas puideron pintar a cara simulando a cabeza dun tigre ou con diferentes cores. Todas estas actividades estiveron organizadas polo Concello de Ames a través da Concellaría de Educación. Os xogos estiveron organizados segundo a idade dos participantes.

Todas estas actividades estiveron supervisadas e foron realizadas por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargou de desenvolver o servizo de bibliopiscinas durante os meses de xullo e agosto. Cómpre salientar que este servizo foi impartido por persoal amiense que forma parte da empresa Vagalume.

Alta participación de nenos/as e adultos
Este servizo ofreceuse durante os meses de xullo e de agosto e foi empregado por un gran número de nenos/as e adultos. Segundo os datos recollidos nas bibliopiscinas, un total de 3.050 persoas, tanto adultas como nenos/as, empregaron durante o mes de xullo este servizo. A este total habería que engadirlle as persoas que participaron nos obradoiros e contacontos, que foron 2.263 persoas (a maioría deles nenos e nenas).

É coñecida a importancia de acostumarse á lectura e por iso o Concello de Ames impulsa iniciativas coma a das bibliopiscinas para que os nenos e nenas asocien a lectura non só coas horas de estudo, senón tamén coas de lecer. Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas puideron gozar de contacontos que fixeron voar as súa imaxinación durante este verán.

Este servizo que o Concello de Ames prestou un ano máis estivo dirixido a todo o público sendo unicamente requisito contar cun carné municipal para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Todos os demais servizos foron de acceso libre. As bibliopiscinas estiveron abertas ao público nos meses de xullo e agosto. En Bertamiráns e no Milladoiro o horario foi de luns a venres de 16:00 horas a 20:00 horas. En Tapia o horario foi o mesmo, dende as 16:00 h ata as 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns estiveron pechadas por descanso do persoal).


O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, preparou este ano un novidoso programa de actividades para a festa de clausura das bibliopiscinas. Aproveitando o bo tempo destes días a festa realizouse nas instalacións da área recreativa de Tapia. Dende as 17:00 horas os rapaces e rapazas puideron participar en diversas actividades lúdicas como un obradoiro para pintar a cara, globoflexia, xogos tradicionais (petanca), xogos con paracaídas, e xogos con globos de auga.

Ao mesmo tempo, os nenos e nenas que se achegaron ata a praia fluvial de Tapia puideron entreterse xogando nos inchables que estiveron instalados nesta zona. Pero a actividade estrela da tarde foi a festa da espuma, que se desenvolveu dende as 18:00 horas. Na festa da espuma participaron un gran número de rapaces e rapazas, pero os pais e nais tamén se animaron a xogar cos cativos e meterse no medio da espuma.