Pestanas principais

A partir do 3 de setembro o roupeiro municipal volve a recoller roupa

Luns, 27 de agosto de 2012

[27-08-2012] Durante os meses de xullo e agosto o roupeiro municipal non recolleu roupa co fin de poder ordenar e limpar as súas instalacións de cara ao vindeiro curso e tamén por descanso do persoal voluntario que traballa de xeito desinteresado neste servizo. A pesar diso, en todo momento seguiuse entregando roupa a todas aquelas persoas que así o solicitaron. Dende a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), que xestiona este servizo, prevese que no mes de setembro se experimente un incremento no número de pedidos de roupa xa que moitos nenos/as que pertencen a familias con poucos recursos comezan o colexio. Este servizo creouse co obxectivo de facerlle fronte á necesidade básica de roupa e calzado do colectivo de poboación amiense menos favorecido.

Durante os meses estivais de xullo e agosto o roupeiro municipal do Concello de Ames tivo pechadas as súas instalacións para un mellor acondicionamento de toda a roupa que foi entrando durante este ano. Aínda así, seguiuse facendo entrega de todos aqueles paquetes de roupa que tiñan maior urxencia. Durante estes meses, o persoal voluntario que, de forma desinteresada, traballa nel tomouse un merecido descanso.

Agora, coa chegada de setembro, prevese que haxa un aumento do número de pedidos xa que os nenos e nenas volven as escolas e moitas familias sen recursos vense na obriga de solicitar esta axuda en forma de roupa. E co servizo de novo en marcha, o mes de setembro semella que vai ser moi activo. Por este motivo, o roupeiro municipal cumpre unha función tan importante como é a de prestar apoio a todas as familias con poucos ou case ningún recurso.

O roupeiro está situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea nova. Neste lugar almacénase a roupa recollida nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro e fanse os paquetes que posteriormente se distribúen. Oito persoas voluntarias poñen o seu grao de area para o funcionamento deste servizo que está en marcha dende o ano 2003. O roupeiro municipal de Ames leva funcionando nove anos para atender as necesidades das persoas con menos recursos do Concello grazas ao esforzo e ao traballo de persoas voluntarias que xestionan este servizo.

Recollida e entrega da roupa

A roupa recóllese nos centros socioculturais tanto de Bertamiráns coma do Milladoiro, entre o luns e o venres, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Alí pódese achegar toda a veciñanza a doar a roupa que desexen, incluíndo calzado, roupa de cama, toallas, carriños e roupa de bebé e mesmo colchóns, mantas e cortinas. Dende alí, a brigada municipal traslada todo o material acumulado ata o depósito do roupeiro municipal situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova.

As voluntarias, oito na actualidade, son as encargadas de recibir as pezas de roupa, facer a escolla das que estean en bo uso, almacenalas no roupeiro e entregalas ás familias máis desfavorecidas do Concello, sempre baixo a supervisión do técnico da Oficina de Voluntariado. Cando chega unha petición por parte dalgún usuario ou usuaria, as voluntarias seleccionan a roupa que mellor se axeite ao caso correspondente e elaboran un paquete adaptado ás características e demandas do/a solicitante.

As familias que desexen solicitar paquetes de roupa terán que achegarse ata a Oficina do Voluntariado e alí o persoal que xestiona este departamento realizará unha ficha cos datos da súa solicitude. Este departamento está situado na Casa da Cultura de Bertamiráns, pero tamén atenderá as necesidades da veciñanza na Casa da Cultura do Milladoiro os luns e os mércores en horario de 9:00 h. a 12:00 horas da mañá. Por outra parte, todas as persoas que queiran botar unha man e prestar axuda ás voluntarias e ás persoas que máis o precisan ou resolver calquera dúbida, poden informarse de xeito presencial na Oficina Municipal de Voluntariado, situado na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 377 044, ou a través do Facebook (voluntariado de Ames).


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A partir do 3 de setembro o roupeiro municipal de Ames volve a recoller roupa"
La Voz de Galicia: "El ropero municipal de Ames volverá a recoger ropa a partir del 3 de septiembre"