Pestanas principais

Participa nun obradoiro de elaboración de sombreiros para o Entroido de Ames

Mércores, 15 de febreiro de 2012

[15-02-2012] A Aula da Natureza organiza este sábado, 18 de febreiro, un obradoiro dirixido a todos os públicos no que tanto os nenos/as coma os adultos aprenderán a elaborar sombreiros de Entroido con pequenos xoguetes e adornos que adoitamos ter na casa. Este obradoiro celebrarase en horario de mañá, das 11:00 h ás 13:30 h, nas instalacións da Aula da Natureza, situada na parroquia de Ameixenda. Os/as interesados/as deberán anotarse chamando ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á Concellaría de Medio Ambiente 662 377 544 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org

O obradoiro celebrarase o sábado 18 de febreiro entre as 11:00 h e as 13:30 h nas instalacións da Aula da Natureza, situada na parroquia da Ameixenda, e poderán acudir todos aqueles interesados/as na elaboración de sombreiros de Entroido, sen límite de idade, dende os máis pequechos da casa ata os máis maiores. Os rapaces e rapazas poden acudir sos ou acompañados polos seus pais ou avós.

As persoas interesadas deberán anotarse chamando ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 662 377 544 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. O prazo de inscrición remata o venres día 17 de xaneiro ás 21:00 horas. A actividade será totalmente gratuíta.

Os nenos/as e adultos poderán facer sombreiros con papeis de xornais. Os participantes empregarán diferentes técnicas, dependendo da idade dos participantes, que lle ensinará a coordinadora da Aula da Natureza. O obxectivo que se persegue coa organización deste obradoiro é que os veciños e veciñas do concello aprendan a reciclar diversos materiais que teñan nas súas casas e que non empregan habitualmente.

O obradoiro comezará arredor das 11:00 horas. Primeiro os usuarios/as elaborarán os sombreiros e pintaranos. A continuación, mentres seca a pintura, os usuarios/as aproveitarán para almorzar un chocolate que ofrece de xeito gratuíto o Concello de Ames. Deste xeito, os participantes repoñerán forzas para seguir traballando no obradoiro. Durante a segunda parte do obradoiro os participantes decorarán os sombreiros que elaboraron previamente. Os propios veciños/as poderán traer das súas casas pequenos coches de xoguete, figuras de plástico, bonecos pequenos, lazos, flores... para decorar os sombreiros.

Este obradoiro é un bo xeito de darlle renda solta a imaxinación e elaborar un sombreiro cheo de cores que serva para disfrazarse no Entroido. Así pois, dende a Aula da Natureza animamos á cidadanía de Ames a participar neste obradoiro e a iniciarse en novas formas de reciclaxe, cada vez máis necesarias se queremos manter a riqueza natural do país.

Programación de Entroido

Esta actividade enmárcase dentro da programación de Entroido que organizou o Concello de Ames para o mes de febreiro. Ademais, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofrecerá o venres día 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:30 horas, un concerto de Entroido que permitirá gozar a todos os públicos dunha coidada selección de pezas populares. O programa do recital inclúe versións de temas clásicos ademais de partituras pop, bandas sonoras de cine e outras sorpresas que marcarán o inicio musical do entroido en Ames.

Por outra parte, o Concello de Ames lembra que permanece aberto o prazo de recepción de solicitudes para participar nos concursos de receitas e de disfraces convocados con motivo da celebración o próximo día luns día 20 da Festa do Entroido, que se desenvolverá a partir das 18.00 horas no aparcamento da rúa do Agro do Medio do Milladoiro coa actuación da charanga Vaite xa e coa orquestra Super Fama.

No concurso gastronómico poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos a título individual, ou ben representando a unha asociación, local hostaleiro, empresa... As receitas terán que ser obrigatoriamente típicas do entroido, e haberá dúas modalidades: salgadas e doces. As inscricións deberán presentarse na Casa da Cultura do Milladoiro ou no departamento de Promoción Económica na Casa Consistorial, en Bertamiráns, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. As inscricións deben presentarse ata o día 15 de febreiro. Tamén poderán presentarse a través do correo electrónico: cultura.milladoiro@oncellodeames.org. O día 20 de febreiro, ás 17.30 horas, presentarase o prato na carpa do Concello. Cada prato deberá permitir 60 pequenas degustacións.

No concurso de disfraces poderán participar todas as persoas, asociacións, comunidades ou colexios que o desexen. As inscricións deben facerse na casa da Cultura do Milladoiro, a través do teléfono 981 535 940, ou no correo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org. Admitiranse inscricións ata o día 20 ás 14.00 horas. Á hora de apuntarse ao concurso, os participantes deberán achegar nome e apelidos, teléfono dos participantes ou representantes do grupo ou comparsa e categoría na que se inscriben. Haberá en total catro modalidades nas que se poderá concursar: unha modalidade infantil, que estará constituída por unha ou dúas persoas ata os 12 anos; unha modalidade individual, na que poderán participar unha ou dúas persoas maiores de 12 anos; unha modalidade de grupo, que se constituirá por tres ou catro persoas de calquera idade e unha modalidade de comparsas que deberá estar formada por sete persoas ou máis tamén de calquera idade.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Obradoiro de elaboración de sombreiros para o Entroido de Ames"