[19-12-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza durante este mes de decembro dous torneos de Nadal. O venres 22 e mailo sábado 23 de decembro desenvolverase o primeiro torneo de fútbol sala 3x3, mentres que os días 26, 27 e 28 realizarase o primeiro torneo de baloncesto. Estas actividades desenvolveranse no pavillón municipal do Milladoiro. O prazo de inscrición para participar no torneo de fútbol remata este mércores, 20 de decembro, mentres que para o de baloncesto as inscricións están abertas ata o martes 26 de decembro. Premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os impresos de inscrición.
O Concello de Ames organiza o primeiro Torneo de Nadal de fútbol sala 3x3 Concello de Ames, que se desenvolverá no pavillón municipal do Milladoiro o venres 22 e mailo sábado 23 de decembro, en horario de 16:00 a 22:00 horas. Haberá dúas categorías: absoluta (para homes de máis de 16 anos) e feminina (para mulleres de máis de 14 anos). Para tramitar as inscricións ou obter máis información pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 – 981 535 940. Tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal. Haberá que entregar a ficha de inscrición cuberta e pagar 10 euros de cota de inscrición por equipo. As inscricións para participar permanecerán abertas ata o mércores, 20 de decembro, ás 14:00 horas.
Por outra banda, o I Torneo Nadal de Baloncesto Concello de Ames celebrarase do 26 ao 28 de decembro, no pavillón municipal do Milladoiro. Nel participarán as categorías baby basquet (2010-2011), preminibasquet (2008-2009), minibasquet (2006-2007) e basquet 3x3 (2000-2005). Para inscribirse nesta actividade hai que entregar a ficha de inscrición cuberta.
De igual maneira, tamén será preciso anotarse se se quere participar da XI Carreira Ciclista do Pavo, que terá lugar o domingo, 24 de decembro, nas inmediacións do parque do Río Ameneiral, en Bertamiráns. A actividade incluirá xincanas para as máis pequenas e pequenos da casa a partir das 11:00 horas. Ás 12:00h dará inicio a carreira.
I Torneo Nadal de Fútbol Concello de Ames
Xa en xaneiro, os días 3 e o 4 dese mes, terá lugar o I Torneo Nadal de Fútbol Concello de Ames, o cal se desenvolverá nos campos de fútbol do concello. Para facer parte destas actividades é preciso inscribirse previamente, como no caso do torneo de fútbol sala 3x3, a través do enderezo de correo electrónico do departamento municipal de deportes.
A programación deportiva para este Nadal complétase coa organización do II Campus de Fútbol Sala, que está organizado polo FC Meigas, en colaboración co EFS Trasgos e co Concello de Ames. O campus, que terá lugar entre o 26 e o 30 de decembro, desenvolverase no pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de 09:00h a 14:30 horas. Dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2001 e 2012, o campus contará con servizo de gardería. Para asistir será preciso inscribirse, chamando ao número de teléfono 670 51 81 20 ou enviando un correo electrónico a calquera dos seguintes enderezos: fcmeigas@gmail.com ou efstrasgos@gmail.com




