[22-12-2017] O vindeiro mércores, 27 de decembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o desenvolvemento de tres actividade culinarias: un obradoiro para crianzas de galletas decoradas, un show cooking con degustación dun buffet de festa e unha cata de Nadal. O prezo variará entre os 5 euros do obradoiro e os 8€ do show cooking. O prezo por persoa para a cata de Nadal será de 6 euros. As persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
O obradoiro de galletas, que se desenvolverá entre as 16:00h e as 18:00h, está dirixido a nenas e nenos entre os 4 e os 11 aos. O obxectivo desta actividade é que as crianzas realicen galletas a partir de moldes con motivos de Nadal decorándoas, posteriormente, en función dos seus gustos persoais. O obradoiro inclúe a posibilidade de adaptacións alimentarias no caso de que haxa cativas e cativos con alerxias, as cales deberán ser notificadas no momento da inscrición. O prezo por participante é de 5 euros.
Entre as 19:00 horas e as 21:00 horas, terá lugar a mostra-degustación dun buffet de Nadal. O profesor de cociña, chef e mestre pasteleiro e panadeiro, Manuel Ángel Rodríguez, será o responsable de dirixir esta actividade xunto con María Fernández Mosquera, do taller de cociña compostelán Hello Cooking. A mostra consistirá na elaboración dun menú perante as persoas participantes, ao tempo que se resolven dúbidas e se mostran algunhas variacións das receitas presentadas. O menú estará conformado polos seguintes pratos: chupiño de crema de lombarda, rolos de espinacas con feta, espetada de langostinos crocantes, estrelas de salmón e eneldo e, por último, galletas mariñeiras con tacos de solombo e queixo de Arzúa. Ao final da demostración, procederase á degustación dos pratos preparados. A finalidade deste obradoiro é ofrecer ás persoas asistentes diferentes opcións para preparar por adiantado os pratos para este Nadal. O prezo por persoa é de oito euros.
A actividade que pechará esta xornada gastronómico no concello de Ames será unha cata de Nadal. Juan Gaiteiro, da tenda amesá de produtos ecolóxicos, gourmets e vinículas Cesta Natural, será o encargado de guiar esta cata na que as persoas asistentes poderán degustar un viño de cada unha das cinco denominacións de orixe galegas existentes. Da denominación Rías Baixas, o viño escollido para a cata foi un albariño monovarietal da subzona do Rosal; do Ribeiro, o viño que se presentará será un branco mistura de catro varietales de uvas tradicionais Treixadura, Torrontés, Loureira e Albariño. Da denominación de Valdeorras, as persoas asistentes poderán degustar un espumoso monovarietal elaborado con uva Godello, mentres que da denominación de Monterrei o viño a probar será un mencía monovarietal. Por último, da denominación de orixe Ribeira Sacra o viño escollido foi un mencía da subzona de Quiroga. O prezo da cata é de 6 euros por persoa.
Todas as actividades desenvolveranse na Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar nalgunha delas, as persoas interesadas deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames organiza un obradoiro de galletas, un ‘showcooking’ e unha cata de Nadal"




