- Tematica
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (Aula AMTIC) do Concello de Ames, localizada no Milladoiro, oferta para este mes de novembro dous cursos formativos dirixidos para persoas adultas. Os contidos destes dous cursos son, por unha banda, como realizar compras seguras a través de internet, e, por outra, reforzar as competencias dixitais cun curso de informática nivel medio. As persoas interesadas en realizar calquera dos cursos, deben facer a súa inscrición chamando a través do número de teléfono 674 59 48 43, escribindo un correo electrónico a informatica.milladoiro@gmail.com coa correspondente solicitude cuberta e asinada ou de xeito presencial na propia aula AMTIC do Milladoiro. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón.
A Aula AMTIC do Milladoiro está a ofertar varios cursos formativos para este final de ano. Durante o pasado mes de outubro, desenvolvéronse tres formacións, nas que se impartiron unha ampla variedade de contidos orientados, sobre todo, a mellorar a nosa vida cotiá, coma de seguridade dixital ou busca de emprego, e tamén se impartiu un curso de mecanografía. Agora, en novembro, desenvolveranse dous novos cursos.
Cursos para adultos
Deste xeito, en novembro desenvolveranse os dous cursos restantes dentro da nova programación da aula AMTIC orientada para persoas adultas. “Compras seguras a través da Internet” será a primeira desas formacións e impartirase os vindeiros días 5, 6 e 7 de novembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Os contidos do curso estarán centrados en como realizar compras en liña de maneira segura, eficiente e confiable, para evitar así posibles riscos ou estafas e, ademais, protexer os nosos datos persoais e financeiros.
A derradeira das formacións para adultos que se impartirá, será un curso de nivel medio de informática e que terá lugar os días 12, 13, 14, 19, 20, 21, 26, 27 e 28 de novembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas. A través deste curso, o alumnado poderá fortalecer as súas competencias dixitais, adquirindo habilidades en varias ferramentas informáticas.






