Pestanas principais

Participa nos cursos de iniciación ao piragüismo que se desenvolverán na praia fluvial de Tapia

Luns, 19 de xuño de 2017

[19-06-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza uns cursos de iniciación ao piragüismo durante os meses de xuño, xullo e agosto. Esta actividade está dirixida aos nenos/as nados entre 2003 e 2009. Durante o mes de xuño e xullo esta actividade impartirase os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 a 17:30 horas, mentres que en agosto as clases impartiranse os mércores e venres no mesmo horario. O prazo para apuntarse xa está aberto e finalizará no momento no que se acaben as prazas dispoñibles. Cómpre salientar que as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Se hai uns días se anunciaba que o Concello de Ames organiza cursos de natación para os meses de xullo e agosto agora toca falar dos cursos de iniciación ao piragüismo que se levarán a cabo durante os meses de verán na praia fluvial de Tapia. Estas actividades serán impartidas polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e contan coa colaboración da Deputación da Coruña. Para inscribirse nesta actividade é imprescindible saber nadar.

Todas as persoas que desexen iniciarse ou perfeccionar a súa técnica poderán participar nestes cursos de piragüismo. Esta actividade está dirixida aos nenos e nenas nados de 2003 a 2009 que desexen iniciarse neste deporte. Estes cursos impartiranse entre o 26 de xuño e o 18 de agosto. Durante o mes de xuño e xullo esta actividade impartirase os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 a 17:30 horas, mentres que en agosto as clases impartiranse os mércores e venres no mesmo horario.

O prazo de inscrición non ten límite de data, polo que os rapaces e rapazas interesados poderán apuntarse ata acabar as prazas. O prezo desta actividade é de 30 euros. En canto ás inscricións, poderán realizarse na Casa do Concello, en Bertamiráns, e na da Cultura do Milladoiro, das 9:00 ás 14:00 horas. O prazo para apuntarse nestes cursos xa está aberto. Cómpre salientar que as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Para realizar a inscrición hai que presentar o impreso federativo, fotocopia do DNI e unha fotografía.