[31-03-2014] Xa está aberto o prazo para presentar os traballos ao Certame artístico-literario Intercentros do Concello de Ames, que este ano chega a súa sexta edición. Neste certame pode participar o alumnado do segundo e do terceiro ciclo de primaria dos centros de ensino do Concello de Ames que presenten un texto ilustrado (conto ou poesía) escrito en lingua galega. Os traballos poderán presentarse de xeito individual ou por parellas. Nesta edición, a temática xirará arredor da necesidade de crear novas series animadas en galego. O prazo para a presentación dos traballos remata o vindeiro día 11 de abril. Os premios entregaranse o día, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.
Temática: necesidade de crear máis series animadas en galego
Nesta edición do Certame, a temática xirará arredor da necesidade de crear novas series animadas en galego. O alumnado participante terá que presentar un texto ilustrado, en prosa ou en verso, protagonizado por personaxes de series animadas de invención propia. Os textos deberán estar acompañados dunha ilustración. En prosa, a extensión mínima será de 200 palabras e a máxima de 500. En poesía, a extensión mínima será de 20 versos e a máxima de 50. Entregarase o texto orixinal escrito á man, acompañado de dúas copias.
O Certame ten establecidas dúas categorías e tres premios por cada categoría. Na primeira categoría, compiten nenos e nenas matriculados en 3º e 4º de primaria. Na segunda, nenos e nenas matriculados en 5º e 6º de primaria. O primeiro premio de ambas as categorías é de 100 euros; de 80 euros, o segundo e de 50 o terceiro. Ás persoas premiadas entregaráselles un vale polo importe indicado para cada premio que poderán intercambiar por libros ou material cultural ou didáctico nas librarías do Concello de Ames. Este certame, que está organizado polo Concello de Ames, conta coa colaboración dos equipos de dinamización lingüística dos colexios de Ames.
Para máis información poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística de Ames, situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, chamar ao número 981 884 991 ou enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.org
O VI Certame artístico-literario Intercentros do Concello de Ames ofrece un ano máis aos nenos e nenas amienses a oportunidade de desenvolver e amosar as súas capacidades de creación literaria. Os alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclos de primaria dos centros de ensino do concello poderán elaborar un texto en prosa ou en verso acompañado dunha ilustración propia e entregarllo ao seu titor ou titora.
A primeira fase de selección dos textos levarase a cabo nos propios colexios. Os colexios terán de prazo ata o 11 de abril de 2014 (incluído) para enviar os traballos seleccionados (orixinal e as dúas copias) ao seguinte enderezo: Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220, Ames.
Na segunda fase de selección, un xurado formado por tres membros designados polo Concello de Ames escollerá os traballos premiados. A decisión do xurado farase pública e comunicaráselles aos centros o mércores, 7 de maio de 2014. Os premios entregaranse o venres, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.




