Pestanas principais

Participa no proxecto Youtubeir@s para encher a rede de vídeos en galego

Mércores, 17 de xaneiro de 2018

[17-01-2018] Baixo o lema Mostra @ Youtubeir@ que levas dentro, o proxecto Youtubeir@s busca promover, por segundo ano consecutivo, o uso do galego en Youtube, a través dun certame, campañas de difusión e cursos de formación. Unha das grandes novidades deste ano é o galardón do público, chamado #propostayoutubeira. As persoas usuarias de Facebook poderán propor, a través dun simple comentario no perfil Youtubeir@s, un vídeo do que sexan seareiras ou seareiros, incluíndo o cancelo #propostayoutubeira. O prazo para inscribir os vídeos e as canles remata o 15 de marzo. Alén de Ames, tamén participan neste proxecto outros Concellos como o da Baña, Ourense ou Pontevedra, así como as tres Universidades galegas e a Deputación da Coruña.

O Concello de Ames volve facer parte do proxecto Youtubeir@s, coa vontade de promover e dar visibilidade ao galego na plataforma Youtube. A iniciativa, que está organizada polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, polas tres universidades galegas e pola Deputación da Coruña, pretende fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego de youtubeir@s. Desde o Concello de Ames, anímase á veciñanza a participar dos premios e propor vídeos dos que gosten.

O proxecto recolle varias liñas de actuación, que van desde campañas de fomento do uso do galego a través de Youtube ata a formación de youtubeiras e youtubeiros, incluíndo tamén unha ampla actividade nas redes sociais coa finalidade de xerar comunidade e incentivar a participación.

Premios
Youtubeir@s
Calquera persoa maior de 14 anos poderá participar nos Premios Youtubeir@s, a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego e subidos a Youtube, tanto de xeito independentemente como a travñes dunha canle. As pezas participantes deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros repartidos entre os seguintes premios: premio ao mellor vídeo-facermos, premio ao mellor vídeo-opinarmos, premio á mellor canle, premio á creatividade, premio á eficiencia comunicativa, premio á calidade técnica, premio á calidade lingüística e os premios do público #PropostaYoutubeira.

Os vídeos e canles presentadas deberán estar integramente en galego. As canles deberán achegar contidos propios e un mínimo de cinco vídeos publicados baixo calquera das licenzas Creative Commons. Pola súa banda, os vídeos non deberán superar os cinco minutos de duración e tamén terán que estar publicados baixo unha licenza deste tipo. O prazo para inscribir os vídeos e as canles no Premio Youtubeir@s remata o vindeiro 15 de marzo. As persoas participantes deberán inscribirse a través do seguinte formulario http://youtubeiras.gal/inscricions/.

Premio do público: #propostayoutubeira
Unha das novidades deste ano é o galardón do público, que se presenta baixo o nome #PropostaYoutubeira. Deste xeito, as persoas usuarias de Facebook poderán propor, a través dun simple comentario no perfil Youtubeir@s, un vídeo do que sexan seareiras ou seareiros, incluíndo o cancelo #propostayoutubeira antes do 20 de febreiro. Con todas as propostas recibidas crearase un álbum na páxina de Facebook de Youtubeir@s para que todo o mundo poida votar polos seus vídeos favoritos, a través de “gústame”. Esta votación realizarase do 25 de febreiro ao 15 de marzo. Os 5 vídeos que reciban máis “gústame” nese prazo pasarán ao xurado dos premios, e entre eles escollerán, seguindo os criterios das bases xerais, o Premio do Público #PropostaYoutubeira.

O 20 de abril de 2018, os premios serán entregados nun acto público na Coruña, no que o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores, valorando o enxeño e a creatividade, a calidade técnica, a eficiencia comunicativa e a calidade lingüística de cada peza e canle.

Festivais

Así mesmo, o proxecto estivo presente en eventos culturais galegos como o Culturgal, no que se realizou unha presentación pública baseada nunha conversa con youtubeiras e youtubeiros. Ademais, Youtubeir@s tamén estará presente en festivais relacionados coa creación audiovisual e dixital, co obxectivo de crear sinerxias para a programación de contidos youtubeiros en galego. O vídeo promocional desta segunda edición pódese ver na seguinte ligazón https://www.youtube.com/watch?v=T1hQxcfqisc.