Pestanas principais

Participa no programa “Vives Emprende Ames” do segundo semestre de 2018

Sábado, 03 de novembro de 2018

[03-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. As actividades de dito programa comezaron esta semana coa realización de dous talleres sobre a idea de negocio e o marketing, e continúan o martes 6 e mailo mércores 7 de novembro con dous novos obradoiros sobre o marketing mix e as competencias emprendedoras. En total, nos meses de outubro e novembro impartiranse un total de 10 talleres formativos.


As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poderán acceder durante o que queda de ano ao programa Vives Emprende, unha iniciativa gratuíta que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio.

Así, ao abeiro desta iniciativa, realizarase un novo ciclo de obradoiros composto por un total de 10 talleres formativos. As actividades de dito programa comezaron esta semana coa realización de dous talleres sobre a idea de negocio e o marketing, e continúan o martes 6 e mailo mércores 7 de novembro con dous novos obradoiros sobre o marketing mix e as competencias emprendedoras. Estas actividades son impartidas nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.

Programa de obradoiros para outubro e novembro
Deste xeito, este martes, 6 de novembro, afondarase no marketing mix e os programas de fidelización, para o que se guiará aos alumnos/as no coñecemento dos aspectos e variables básicos do marketing e a súa aplicación. Na sesión que se celebrará o 7 de novembro, os participantes coñecerán as competencias emprendedoras, necesarias para poñer en marcha un negocio.

O martes 13 de novembro está previsto que se imparta o taller denominado a miña empresa na Internet: RRSS e comercio electrónico, onde se aprenderá a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da rede, redes sociais, páxinas web e o seu posicionamento. O 14 de novembro abordaranse as formas xurídicas, a nova lei de protección de datos e os aspectos tanto fiscais como laborais básicos para poñer en marcha un negocio.

Asemade, o martes 20 de novembro o obradoiro versará sobre as claves e técnicas de negociación, polo que se explicará en que consiste a negociación, así como as habilidades e estratexias necesarias para ter éxito neste ámbito. Ao día seguinte, 21 de novembro, falarase sobre o pricing ou estratexia para a fixación de prezos.

Os dous últimos obradoiros deste ciclo, que se realizarán os días 27 e 28 de novembro, xirarán en torno á creación dun plan de empresa adaptado á solicitude de subvencións e financiamento e á presentación do proxecto.

As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

36 persoas recibiron apoio de Vives Emprende
Un total de 36 persoas, dos cales 21 son veciños de Ames, recibiron o apoio de Vives Emprende durante o primeiro semestre deste ano. Deles, sete mulleres e dous homes xa teñen en marcha o seu negocio. Entre os negocios postos en marcha no ano 2018 hai unha tenda online de costura e outra de produtos da horta, dous salóns de manicura, unha tenda de roupa outlet, unha papelería, unha inmobiliaria e unha consultora de calidade. Destes novos negocios, catro teñen o domicilio fiscal en Ames.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, agradece o traballo que está a facer Acción contra a fame en Ames, e anima á veciñanza a que se informe e participe no novo programa de obradoiros de Vives Emprende. “Durante o primeiro semestre este programa funcionou de xeito moi positivo. Un total de 36 persoas recibiron o apoio de Vives Emprende durante os primeiros seis meses de 2018. Deles, nove persoas xa teñen en marcha o seu negocio, dos cales seis son veciños de Ames. Agardamos igualar, e incluso superar, estes datos durante o segundo semestre deste ano”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Vives Emprende Ames impartirá diez talleres de empleo"
El Correo Gallego: "Ames acolle o programa Vives Emprende para divulgar o autoemprego no concello"