Pestanas principais

Participa no programa para a mellora da calidade do sono, incluído no plan municipal de saúde mental

Sábado, 17 de outubro de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, un dos piares fundamentais para o noso benestar físico e emocional. O programa impartirase desde o 26 de outubro ata o 14 de decembro no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. Hai 20 prazas dispoñibles e podes realizar a inscrición a través da seguinte ligazón. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 21 de outubro. Terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. No caso de haber máis inscricións que prazas ofertadas, adxudicaranse por sorteo.

O departamento de Promoción da Saúde organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, dirixido ás persoas que teñan dificultades para conciliar o sono ou que desexen mellorar a calidade do seu descanso. Un dos piares fundamentais para gozar dunha boa saúde, tanto física como mental, é ter un bo descanso e durmir ben polas noites. Con este curso, búscase coñecer a fondo as fases do descanso, as técnicas e mecanismos para axudar a relaxar o corpo ou afondar nos diversos factores psicolóxicos que poidan afectar ao descanso. 

Neste programa grupal, composto por sesións de hora e media de duración, ofreceranse diferentes ferramentas prácticas e de apoio mutuo para que os participantes melloren a calidade do seu sono. 

Os contidos destas xornadas serán amplos, dende aspectos máis prácticos como dinámicas grupais, técnicas de relaxación e respiración ou exercicios de estiramento, ata coñecementos máis teóricos coma coñecer as fases e o funcionamento do sono, sobre a melatonina e outros factores implicados no descanso ou tamén afondar e identificar as posibles causas psicolóxicas que afectan ao sono. 

O curso comezará o vindeiro luns, 26 de outubro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O horario das sesións será de 17:30 a 19:00 horas. Hai 20 prazas dispoñibles e terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. Así mesmo, no caso de recibir un número de inscricións superior ás prazas ofertadas, estas adxudicaranse por sorteo. Podes realizar a túa inscrición a través da seguinte ligazón.

Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental
Este programa enmárcase dentro do primeiro Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental do Concello de Ames, posto en marcha a finais de 2024, unha iniciativa pioneira que ten como obxectivo previr, promover e atender a saúde mental e o benestar emocional da veciñanza amesá. 

Deste xeito, preténdese atender ás necesidades reais da poboación e mellorar así o seu benestar mental e calidade de vida. Dentro do plan de saúde mental do concello, ponse un énfase especial na poboación infantil, adolescentes e persoas maiores, que adoitan ser as franxas de idade máis vulnerables a padecer problemas no eido psicolóxico.

Na mesma liña que o programa de mellora da calidade do sono, ao longo destes meses, impulsáronse outra serie de programas e iniciativas para mellorar o benestar emocional e psicolóxico da veciñanza: o programa grupal de benestar emocional para persoas maiores, o servizo da Unidade de Necesidades Emocionais para persoas adultas e mocidade, o programa de cesación tabáquica en grupo, e obradoiros relacionados coa saúde mental impartidos nos institutos de Ames.

Participa no programa para a mellora da calidade do sono, incluído no plan municipal de saúde mental

Multimedia

  • Participa no programa para a mellora da calidade do sono, incluído no plan municipal de saúde mental