[31-01-2013] Esta semana a aula de informática do Milladoiro comezou a impartir os cursos programados para o primeiro trimestre de 2013. Ao longo desta semana impartiuse un obradoiro sobre o correo electrónico. Para este curso cubríronse as 20 prazas ofertadas. Para o mes de febreiro está previsto que se desenvolva un obradoiro de presentación de diapositivas de Entroido, que está dirixido aos nenos e nenas de 8 a 12 anos. Neste obradoiro aínda quedan 7 prazas libres polo que os nenos/as interesados deben darse présa para inscribirse. Por último, en marzo impartirase un curso para aprender a dar os primeiros pasos na informática. Para este curso tamén se cubriron as 20 prazas ofertadas.
O pasado 29 de xaneiro comezou o primeiro curso que imparte este ano a Aula de informática do Milladoiro. Trátase do obradoiro de correo electrónico que se impartiu ata este xoves 31 de xaneiro. Neste curso, que se desenvolveu durante tres xornadas, os usuarios/as familiarizáronse co correo electrónico. O primeiro que fixeron foi crear unha conta de correo electrónico. A continuación aprenderon a enviar e reenviar correos, axuntar documentos, mover mensaxes dunha carpeta a outra e crear novas carpetas. Durante a última xornada coñeceron diversos aspectos sobre a configuración do programa como son cambiar o aspecto ou o idioma da conta e cambiar a contrasinal. Para este curso cubríronse as 20 prazas ofertadas.
Durante a próxima semana a aula acollerá un obradoiro de presentación de diapositivas de Entroido, que está dirixido aos nenos e nenas de 8 a 12 anos interesados en aprender a manexar un programa de elaboración de presentacións. Este obradoiro impartirase os días 4, 5, 6, 7 e 8 de febreiro en horario de 18:00 a 19:00 horas. Este curso ten unha duración de cinco horas e conta con 10 prazas. Ata o de agora cubríronse 3, polo que aínda quedan 7 prazas libres. Os nenos/as interesados deben darse présa para inscribirse.
En marzo, impartirase un curso para aprender a dar os primeiros pasos na informática. Este curso tamén está dirixido ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. As clases desta actividade impartiranse entre os días 18 e 22 de marzo, en horario de 10:00 a 11:30 da mañá e de 18:00 a 19:30 horas da tarde. Este curso ten unha duración de sete horas e media. Para este curso tamén se cubriron as 20 prazas ofertadas.
Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org
Servizo Aula Aberta
Por outra banda ofrécese o servizo de Aula Aberta, habitualmente entre as 16:00 e as 20:00 horas, do que poden facer uso dos ordenadores todas as persoas que estean empadroadas no concello. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario/a. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Os usuarios/as poden daquela empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou procurar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.