Pestanas principais

Participa no obradoiro de lingua e cultura galega, En galego, co teu acento

Mércores, 02 de outubro de 2013

[02-10-2013] Un ano máis o Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística, pon en marcha unha nova edición do obradoiro de lingua e cultura galega, En galego, co teu acento. Nesta actividade, dirixida preferentemente ás persoas procedentes de fóra de Galicia que viven en Ames, impartiranse nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega, así como nocións sobre a cultura e a historia de Galicia. Tamén coñecerán máis polo miúdo as infraestruturas e os servizos que ofrece o Concello de Ames e promoverase o intercambio cultural. O prazo de inscrición para este obradoiro estará aberto ata o día 10 de outubro. As inscricións poden realizarse no Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro, situada na Rúa de Abaixo, número 10.

O Concello de Ames ten unha alta porcentaxe de poboación chegada de fóra de Galicia. Na actualidade, hai persoas de unhas 70 nacionalidades procedentes dos 5 continentes e cunhas 40 linguas. Esta realidade multicultural converte ao concello amiense nun espazo privilexiado de intercambio cultural, unha interculturalidade que enriquece a todos e a todas. Moitas destas persoas case non tiveron contacto coa lingua e coa cultura galega. Por esta razón, é necesario organizar un obradoiro dirixido fundamentalmente á poboación procedente de fóra de Galicia, co obxectivo de que adquiran nocións básicas de lingua e cultura galega, que contribúan á súa integración e á cohesión social, e que sirvan de paso previo á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).

O obxectivo deste obradoiro é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir do traballo en equipo e a realización conxunta de actividades coas que se busca a toma de contacto coa lingua. Polo tanto, trátase dunha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos. O obradoiro de lingua e cultura está dirixido a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames, aos inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no territorio municipal amiense, e as persoas interesadas en achegarse á lingua e á cultura galega.

Por outra banda, a través desta iniciativa preténdese proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega; fomentar o achegamento á cultura é a historia de Galicia; dar a coñecer Ames, as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal; promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amiense, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural.

Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición para este obradoiro estará aberto ata o día 10 de outubro. As inscricións poden realizarse de xeito presencial no Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro, situada na Rúa de Abaixo, número 10. Tamén se pode realizar a inscrición chamando por teléfono ao Servizo de Normalización Lingüística nos números de teléfono 981 884 991 / 662 377 215 ou á Oficina Municipal do Milladoiro marcando o número 981 525 349.

Lugares, datas e horario de impartición
O obradoiro conta cunha duración total de 30 horas repartidas en 20 sesións de 90 minutos. Para obter o certificado de asistencia só se poderá faltar o 10% das sesións. Esta actividade é totalmente gratuíta. As sesións deste obradoiro impartiranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. En Bertamiráns, as clases desenvolveranse no Pazo da Peregrina dende o 14 de outubro ata o 14 de novembro (de luns a xoves), en horario de 9:30 a 11:00 horas. No Milladoiro o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desta localidade dende o 18 de novembro ata o 19 de decembro (de luns a xoves), en horario de 13:30 a 15:00 horas.