[28-10-2013] Por décimo primeiro ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Voluntariado e Maiores, pon en marcha as Escolas Integrais de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta escola, moitos amienses que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novos, aprenden a ler, a escribir ou a facer pequenas operacións matemáticas. As clases comezarán o martes 5 de novembro en Bertamiráns e o mércores 6 de novembro no Milladoiro. Para facer as inscricións é necesario acudir á Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 662 377 044.
Baixo o lema “Divírtete Aprendendo” o Concello de Ames pon en marcha unha nova edición das Escolas Integrais de Maiores, que se desenvolverán nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro a partir do mes de novembro. Esta iniciativa, que está organizada pola Concellaría de Voluntariado e Maiores, está dirixida ás persoas maiores que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novas.
Aprender a ler, a escribir ou a facer operacións matemáticas. Estes son algúns dos conceptos básicos que se ensinan neste escola. Como o seu propio nome indica, trátase dunha escola integral na que, ademais das actividades formativas, organízanse outras paralelas como charlas, saídas culturais ou excursións.
As clases no Milladoiro impártense na Casa da Cultura os mércores e os venres, en horario de 16:30 h a 18:00 horas, mentres que en Bertamiráns terán o mesmo horario, pero os martes e os xoves. O profesor voluntario Antonio Rodríguez Escalona e a profesora voluntaria Antonia Figueiras Fernández son os encargados de impartir as clases e organizar todas as actividades que se realizan ao amparo desta escola.
As persoas que desexen inscribirse na Escola Integral de Maiores ou obter máis información sobre esta actividade deberán pasar pola Oficina Municipal do Voluntariado (OVA), situada nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, ou chamar ao número de teléfono 662 377 044.