Pestanas principais

Participa na xornada de innovación e movemento maker “Innovames” que se celebrará este venres, 2 de febreiro, no Milladoiro

Mércores, 31 de xaneiro de 2018

[31-01-2018] Este venres, 2 de febreiro, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro a xornada de innovación e movemento maker “Innovames”, na que se contará coa presenza de grandes referentes da innovación a nivel galego, nacional e internacional. Pola mañá, de 09:00 a 14:00 horas, haberá unha xornada dedicada a profesionais do sector. De seguido, pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, desenvolveranse obradoiros para nenos/as, unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2017 e demostracións de experimentos científicos. Ademais, este martes, 30 de xaneiro, realizouse unha charla no IES do Milladoiro sobre o movemento maker. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa de Innovames.

Innovames é unha xornada de innovación que organiza o Concello de Ames o día 2 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro. O obxectivo é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que dean lugar a proxectos innovadores. Esta iniciativa está composta de conferencias e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Todo isto conforma o groso dunha programación que está dividida en dúas partes.

A sesión matinal estará dirixida exclusivamente ao sector profesional. As 09:30 realizarase a presentación do evento. De seguido, de 10:00 a 10:30 horas, contarase coa presenza de Sonia Pazos Álvarez do INL, International Iberian Nanotechnology Laboratory, que ofrecerá un relatorio que versará sobre as posibilidades que nos outorga a nanotecnoloxía en multitude de sectores e onde presentará todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. No programa matinal tamén destaca a presenza de diferentes representantes das empresas asentadas no polígono do Novo Milladoiro como NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit entre outros, que ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores.

Exposición de proxectos innovadores
Ademais, haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presenza de makers galegos creadores de proxectos de innovación de referencia. Uns petiscos porán o punto final a unha sesión de networking que busca impulsar a creación de sinerxías entre empresarios e makers asistentes.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “coa creación de Innovames o Concello de Ames busca por en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa comunidade, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital maker galego”.

Programa de tarde
O evento completarase cunha sesión de tarde que estará máis enfocada ao público familiar a través da programación de diferentes actividades e obradoiros orientados aos máis cativos. Demostracións de ciencia, realidade virtual, obradoiros de robótica, videoxogos ou un espazo para programar Apps serán algunhas das propostas ofertadas e que terán como finalidade fomentar a inquedanza por innovar das novas xeracións. Deste xeito, a sesión de tarde comezará as 16:00 horas cun obradoiro de papirotrónica, dirixido a nenos e nenas de máis de 6 anos. De 18:00 a 20:00 haberá outros dous obradoiros de robótica e de programación de Apps, que están dirixidos a nenos/as de máis de 8 anos.

Ademais, durante toda a tarde haberá unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2017 na que participarán as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S., I.E.S. Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR, e SPAINLABS, así como demostracións de experimentos científicos. Este é o segundo evento destas características que organiza o Concello de Ames, despois do Roteiro Maker feito en decembro de 2016. Para obter máis información ou inscribirse na xornada profesional e nos obradoiros hai que acceder a web: http://innovames.gal/

Charla no IES do Milladoiro
Ademais, este martes, 30 de xaneiro, realizouse unha charla no IES do Milladoiro sobre o movemento maker. Marcos Saavedra, de Design Thinkers & Makers SL, foi o encargado de falarlle ao alumnado de 4º da ESO sobre o concepto maker que define a unha persoa innovadora que inventa ou desenvolve un produto e o sube á rede para compartilo co resto do mundo. Deste xeito, o mundo maker é un movemento aberto, un modelo orientado a actividades de fabricación tecnolóxica, robótica, impresión 3-D, metalurxia, carpintería…

A cultura maker xorde na casa axudada pola tecnoloxía e a difusión da Internet. Está baseada no coñecemento libre, en compartir, en reciclar, na filosofía dun mundo sustentable… pero cada vez son máis empresas as que advirten o potencial deste perfil e incorporan makers ao seu persoal para que solucionen os problemas máis variados. A charla tivo unha duración aproximada dunha hora, e ademais, de falar disto tamén se lles explicou aos rapaces e rapazas o programa da xornada Innovames deste venres 2 de febreiro. Por último, animouse ao alumnado a inscribirse nos obradoiros que se van a celebrar en dita xornada.