Pestanas principais

Participa na visita a unha das hortas que acoden ao mercado de produtos da horta e artesanía de Ames

Venres, 10 de outubro de 2025

No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 11 de outubro, organízase a visita a unha das hortas que están presentes no mercado, a Horta de Pablo Fuentes, situada nos Ánxeles, en Brión. É un xeito de coñecer de primeira man ás persoas produtoras dos alimentos que cada sábado se ofertan na praza da Maía en horario de mañá. Ademais de postos de venda os sábados no mercado haberá cata de produtos, obradoiros de artesanía e cociña e sorteo de produtos.

A visita farase en horario de tarde, de 16.00 a 17.30 horas, e estará dirixida a toda as persoas interesadas. Para participar hai que inscribirse este sábado 11 de outubro pola mañá nos postos do mercado.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “todos os sábados vanse a facer distintas actividades que estarán dirixidas a todos os públicos. Trátase de crear un espazo de encontro entre veciñanza e produtores para poñer en valor os produtos de horta e artesanía de proximidade”. 

Na Horta de Pablo poderase coñecerse in situ:
-Árbores como pereiras, maceiras e ameixeiras de variedades autóctonas.
-Unha variedade de froita que nesta tempada están á venda no mercado e que non son moi habituais nas hortas da Maía, tales como o caviar cítrico, o limaquat, os pomelos, os limóns catro estacións, as mandarinas, os kiwis encarnados, amarelos e verdes, os pecanerosos, e os aguacates de varias variedades.
-Plantas aromáticas como a pimpinela, a valeriana, a melisa e as mentas.
-Hortalizas como os pementos habaneros, jalapeños e ají.

Ademais, falarase de moitas outras técnicas e especies que fan do mercado un espazo de compra único. Con estas visitas e actividades tamén se quere converter o mercado nun espazo de encontro, coñecemento e valorización dos alimentos e produtos de artesanía.

Solicitude de participación
O prazo para poder montar un posto no novo mercado estará aberto ao longo de todo o ano. A solicitude pode facerse enviando cuberto o impreso de solicitude, que se pode descargar na seguinte ligazón, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, de forma presencial nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro ou a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.

Participa na visita a unha das hortas que acoden ao mercado de produtos da horta e artesanía de Ames

Multimedia

  • Participa na visita a unha das hortas que acoden ao mercado de produtos da horta e artesanía de Ames