Pestanas principais

Participa na saída micolóxica para recoller cogomelos, que se enmarca dentro da Festa do Magosto 2013

Martes, 12 de novembro de 2013

[12-11-2013] O Concello de Ames, a través das Concellarías de Cultura e Medio Ambiente, preparou unha exaltación de produtos de Outono para celebrar o Magosto. Este sábado, 16 de novembro, desenvolverase unha saída micolóxica para recoller cogomelos. O punto de partida está fixado ás 10:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Os participantes irán camiñando pola Senda Verde (dende O Milladoiro ata a a igrexa de Bugallido). O profesor José Manuel Castro Marcote iralle explicando aos participantes as boas prácticas que hai que ter en conta para recoller cogomelos. Posteriormente, ás 16:00 horas, na festa do Magosto, farase a identificación e exposición dos cogomelos recollidos. Para participar nesta actividade é preciso inscribirse previamente.

Este sábado, 16 de novembro, pola mañá desenvolverase unha saída micolóxica para recoller cogomelos. O punto de partida está fixado ás 10:00 horas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Esta actividade desenvolverase entre as 10:00 h e as 14:00 aproximadamente. Os participantes irán camiñando pola Senda Verde (dende O Milladoiro ata a a igrexa de Bugallido). O profesor José Manuel Castro Marcote iralle explicando aos participantes as boas prácticas que hai que ter en conta para recoller cogomelos. Tamén se impartirán unha serie de nocións para aprender a diferenciar as distintas especies de cogomelos e a súa comestibilidade ou toxicidade. Nesta saída farase especial fincapé en amosar a importancia ecolóxica dos cogomelos.

Organizaranse varios grupos co fin de non esquilmar só unha zona de monte concreto. Os participantes terán acceso a cogomelos que medran en diferentes puntos do monte amiense (en carballeiras, piñeirais...). Xa pola tarde, farase unha exposición de todos os cogomelos durante a festa do Magosto. Entre as 16:00 h e as 19:00 horas farase a identificación e clasificación dos cogomelos recollidos. Trala exposición os cogomelos serán devolvidos ao monte para que as esporas caian na terra e volvan a nacer novos cogomelos.

Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información sobre esta actividade poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665. Para esta actividade non hai un límete de prazas. As inscricións haberá que realizalas antes das 14:00 horas do vindeiro venres 15 de novembro. Todas as persoas que participen na saída micolóxica deben levar unha cesta e un coitelo. A recollida farase de acordo coas boas prácticas ambientais.

Festa do Magosto
A festa do Magosto, que comezará as 17:00 horas, desenvolverase na praza de Manuel Murguía, que está situada no Milladoiro. Os grupos O Ghusto do Boi e Follas Novas encargaranse da animación e da música. Unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, comezará a degustación gastronómica. Haberá castañas, pan con chourizo, doces caseiros e bebidas. Ademais, as familias dos alumnos/as de 6º de Primaria do CEP de Ventín porán a venta produtos artesanais co fin de recadar fondos para a excursión de fin de curso. Para obter máis información sobre estas actividades poden chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico a cultura@concellodeames.org.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Participa na saída micolóxica para recoller cogomelos, que se enmarca dentro da Festa do Magosto 2013"