Pestanas principais

Participa na ruta ambiental e a visita á Casa do Patrón organizadas pola Aula da Natureza

Mércores, 12 de abril de 2023

A Aula da Natureza continúa coas súas actividades do mes de abril. Entre as iniciativas propostas inclúese unha ruta ambiental e unha visita á Casa do Patrón, en Lalín, que terá lugar este sábado, 15 de abril. Hai 10 prazas dispoñibles. Para o desprazamento ofrecerase servizo de autobús, que sairá ás 10:30 horas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns e ás 10:45 horas da Casa da Cultura do Milladoiro. Os interesados en participar deben mandar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

A ruta ambiental será un paseo circular a carón do río Asneiros, unha paisaxe fluvial con amieiros, freixos e carballos centenarios. A dificultade do roteiro é baixa, é a lonxitude é duns cinco quilómetros. Posteriormente, os participantes trasladaranse ata o centro etnográfico Casa do Patrón, composto de trece salas de exposición repartidas en varias casas e organizadas por temáticas. Nelas pódense observar as antigas escolas, pasando polos hábitos de vida dos nosos devanceiros, oficios esquecidos, unha taberna, un forno ou unha forxa tradicional. O custe da entrada ao museo, que é de 2 euros, deberá ser aboado por cada participante.

Ofrecerase servizo de autobús dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns (ás 10:30 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 10:45 horas). Os/as excursionistas poderán levar a súa propia comida para xantar de campo. O regreso farase ás 18:00 horas, aproximadamente.

Para anotarse é preciso enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladenatureza@concellodeames.gal.

Paseo botánico e curso de horta sostible
Xa para o sábado 29, a Aula organiza un paseo botánico polas fragas de Agrón, pequenos camiños que baixan cara o Tambre e que constitúen un reducto das especies botánicas da Ribeira. Durante a saída, os excursionistas poderán observar carballos, loureiros, freixos, amieiros ou pereiras bravas. A actividade terá lugar entre as 11:00 e as 13:30 horas, e está dirixida a todos os públicos. Novamente, haberá servizo de autobús, que sairá ás 10:30 do Milladoiro e ás 10:35 de Bertamiráns. O regreso farase arredor das 13:45 á Casa da Cultura do Milladoiro e das 14:00 ao Pazo da Peregrina.

Ademais, tamén se celebrará un curso de horta sostible os días 15, 22 e 29 de abril e tamén o 6 e 13 de maio, de 11:00 a 13:30 horas. A actividade terá lugar no viveiro municipal de Barouta, onde os participantes aprenderán nocións sobre distintas plantacións e poderán experimentar por eles mesmos. Esta proposta destínase ao público adulto.

Cartel da ruta ambiental e visita á Casa do Patrón

Multimedia

  • Participa na ruta ambiental e a visita á Casa do Patrón organizadas pola Aula da Natureza