Este xoves, 14 de agosto, desenvolverase a primeira das tres andainas da actividade “Camiñando no solpor”, enmarcada dentro das propostas de activades deportivas de terapéuticas de verán organizadas pola Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde. Esta primeira camiñada desenvolverase en Bertamiráns, ás 20.00 horas, e terá unha duración aproximada de dúas horas. O punto de encontro é diante do centro de saúde da localidade. A actividade é gratuíta e non é preciso de inscrición previa.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza a actividade “Camiñando no solpor”, unha serie de tres andainas que se realizarán os xoves que restan do mes de agosto en Bertamiráns e Milladoiro. Todas as camiñadas comezarán ás 20.00 horas e terán unha duración aproximada de dúas horas. A primeira desta serie de andainas terá lugar mañá, día 14, mentres que as camiñadas restantes realizaranse o xoves 21, no Milladoiro, e o día 28 de novo en Bertamiráns. O punto de encontro en ambas localidades é o centro de saúde.
A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, subliña que “ verán é unha época especialmente boa para facer deporte e coa actividade Camiñando no solpor dámoslle continuidade as andainas saudables que propoñemos ao longo do resto do ano e que tamén ten como punto de encontro os centros de saúde”.
“Camiñando no solpor” é unha das propostas de actividades deportivas e terapéuticas de verán que organiza o departamento de Deportes para este verán. Ao longo dos meses de xullo e agosto, impartíronse diferentes actividades, todas gratuítas e sen necesidade de inscrición previa: ioga, ioga terapéutico, taichi-chikung e aquagym.
Polas mañás do mes de xullo impartíronse as actividades de taichi-chikung, do 2 ao 14 de xullo; o ioga terapéutico, que se desenvolveu entre o 17 e o 31 de xullo; e a actividade de ioga realizouse durante os mércores e venres do mes de xullo na piscina descuberta de Bertamiráns, e no Milladoiro os martes e xoves nos xardíns na piscina descuberta da localidade. Por outro lado, nas tardes do mes de xullo impartíronse as sesións de aquagym.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Participa na primeira andaina de “Camiñando no solpor” que se desenvolverá este xoves en Bertamiráns"












