Pestanas principais

Participa na Foliada de Nadal prevista para o martes, 3 de xaneiro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Mércores, 28 de decembro de 2016

[28-12-2016] As familias de Ames con cativos ou cativas de calquera idade comezarán o ano bailando e cantando na “Foliada de Nadal con Apego”, que se vai a desenvolver o próximo martes, 3 de xaneiro, das 18:00 ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A través desta actividade, incluída dentro da programación infantil con Apego, trátase de organizar un encontro no que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións galegas, merenden e, sobre todo, o pasen ben. Ademais, nesta ocasión, contarase coa visita do Apalpador, que baixará do Courel para estar cos nenos e nenas de Ames. Para participar nesta actividade hai que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal

O vindeiro martes, 3 de xaneiro, entre as 18:00 e as 20:30 horas, no Pazo da Peregrina, as familias amesás e calquera persoa que guste do baile e da música tradicional están convidadas a participar nunha foliada posta en marcha polo Concello de Ames dentro do programa Apego. Con esta iniciativa búscase poñer en contacto as crianzas coa música e o baile galegos. Haberá baile, cantares e distintos instrumentos. Ademais, contarase coa visita do Apalpador, que baixará do Courel para estar cos nenos e nenas de Ames.

Esta iniciativa xurdiu como proposta dalgunhas das familias que forman xa parte da comunidade amesá do Apego e que consideran necesario contar con máis espazos de encontro e de socialización en galego para as crianzas. As persoas que acudan a esta actividade e que teñan na casa algún instrumento musical poden acudir con el, para interpretar algunha peza durante a foliada. Tamén se pode levar da casa algo de merenda para compartir co resto de participantes.

A entrada será de balde e ata completar aforo, polo que as persoas interesadas xa se poden inscribir enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou chamando por teléfono ao número 662 377 215 entre as 9:00 e as 15:00 horas. Haberá que indicar o número das persoas que van asistir, o nome e apelidos dos participantes e un teléfono de contacto. Na foliada poden participar familias con nenos e nenas sen límite de idade. Deste xeito, poderán coñecerse, compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas nun contexto divertido e familiar.

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explica que “o pasado 11 de novembro celebrouse a primeira foliada do programa Apego cun gran éxito de participación. Máis de cen familias acudiron a este encontro celebrado tamén no Pazo da Peregrina. Debido ao éxito desta iniciativa volvemos a organizar esta actividade durante o período de Nadal. Trátase de facer unha festa como as de antes e de crear un contexto onde nenos, nenas, papás, mamás, avós e avoas poidan divertirse en galego con naturalidade”.