[03-04-2017] As familias de Ames con nenos ou nenas de calquera idade terán unha nova oportunidade de participar nunha “Foliada con Apego”, que se desenvolverá este venres, 7 de abril, a partir das 17:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A través desta actividade, incluída dentro da programación infantil con Apego, trátase de organizar un encontro no que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións galegas, merenden e, sobre todo, o pasen ben. Para participar nesta actividade hai que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ata o xoves 6 de abril (incluído).
O venres, 7 de abril, ás 17:30 horas, o Pazo da Peregrina acolle unha nova edición da Foliada con Apego. As familias amesás e calquera persoa que guste do baile e da música tradicional están convidadas a participar nunha foliada posta en marcha polo Concello de Ames dentro do programa Apego. Con esta iniciativa búscase poñer en contacto ás crianzas coa música e o baile galego. Haberá baile, cantares e distintos instrumentos.
Esta iniciativa xurdiu como proposta dalgunhas das familias que forman xa parte da comunidade amesá do Apego e que consideran necesario contar con máis espazos de encontro e de socialización en galego para as crianzas. En Ames xa hai preto de 80 familias adheridas a este programa que leva funcionado menos dun ano. As persoas que acudan a esta actividade e que teñan na casa algún instrumento musical poden acudir con el, para interpretar algunha peza durante a foliada. Tamén se pode levar da casa algo de merenda para compartir co resto de participantes.
A entrada será de balde e ata completar aforo, polo que as persoas interesadas xa se poden inscribir enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou chamando por teléfono ao número 662 377 215 entre as 9:00 e as 15:00 horas. Haberá que indicar o número das persoas que van asistir, o nome e apelidos dos participantes e un teléfono de contacto. Na foliada poden participar familias con nenos e nenas sen límite de idade. Deste xeito, poderán coñecerse, compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas nun contexto divertido e familiar.
A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explica que “trátase da terceira foliada que se organiza dende que se puxo en marcha a programación con Apego no Concello de Ames alá polo mes de setembro de 2016. Apostamos novamente por esta actividade porque nas dúas edicións anteriores xuntou a un gran número de familias no Pazo da Peregrina para cantar e bailar. Deste xeito, intentamos facer unha festa como as de antes e de crear un contexto onde nenos, nenas, papás, mamás, avós e avoas poidan divertirse en galego con naturalidade”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Batería de contacontos en Ames e foliada con Apego"




