Pestanas principais

Participa na Festa de Entroido que terá lugar no Milladoiro o luns 8 de febreiro

Mércores, 27 de xaneiro de 2016

[27-01-2016] O Concello de Ames organiza un ano máis a tradicional Festa de Entroido, que terá lugar o próximo luns, 8 de febreiro, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, enfronte á Escola Infantil desta localidade. Haberá concursos de disfraces nas seguintes categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos concursos e os impresos de inscrición.

O concurso de disfraces comezará ás 18:00 horas e os concursantes desfilarán acompañados da música dunha charanga. Ademais dos premios das categorías infantil, adultos, grupos e comparsas haberá un premio especial ao mellor disfrace creado con materiais de reciclaxe. Este ano como novidade creouse un novo premio. Os grupos e charangas poderán optar a un segundo premio especial, que xulgará á mellor copla de composición propia cantada en galego.

A data límite das inscricións é o propio luns 8 de febreiro, día do concurso, ás 11:00 horas. Os datos que hai que achegar son o título do disfrace, o nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de participantes. Os menores de idade deberán ser inscritos polo seu responsable legal. No caso dos grupos, a inscrición deberá ser asinada por dúas persoas maiores de idade; catro no caso das comparsas, sempre que non pertenzan a asociacións legalmente constituídas.