Pestanas principais

Participa na Festa de Entroido que terá lugar en Bertamiráns o luns 16 de febreiro

Xoves, 05 de febreiro de 2015

[05-02-2015] O Concello de Ames organiza un ano máis a tradicional Festa de Entroido, que terá lugar o próximo luns, 16 de febreiro, no aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns. Haberá concursos de disfraces e de receitas típicas de Carnaval amenizados con música a cargo da charanga BB+ e a orquestra Los Players. As inscricións para o concurso de disfraces poderán realizarse ata as 11:00 horas do mesmo día da festa chamando ao teléfono 981 53 59 40 ou a través do enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. Tamén se pode acudir á Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

No concurso de disfraces o Concello repartirá un total de 4.025 euros nos tres premios das catro modalidades previstas: infantil (ata 12 anos), adulta (máis de 12 anos), grupo (3-9 persoas) e comparsa (máis de 9 persoas). Ademais, e como novidade desta edición, o mellor disfrace realizado con material reciclado recibirá 100 euros. Os participantes deberán presentarse na carpa que estará instalada no aparcadoiro da Telleira entre as 17:00 e as 18:00 horas para iniciar o desfile.

Concurso de receitas típicas de Entroido
Por outro lado, haberá tamén un concurso de receitas típicas de Carnaval no que se premiará con 250 euros o prato máis creativo, o mellor presentado e o mellor elaborado. Cada participante poderá presentar como máximo dúas receitas e o seu prato deberá servir para realizar unhas trinta degustacións. A data límite de recepción de receitas –que deberán estar mecanografadas e escritas en lingua galega– será o xoves 12 de febreiro.

Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos concursos e os impresos de inscrición.