[08-02-2018] O próximo luns, 12 de febreiro, o Concello de Ames celebrará a sétima edición da Festa de Entroido. Este ano, a celebración realizarase, a partir das 17:00 horas, na Travesía do Porto (no aparcadoiro situado en fronte da Escola Infantil) do Milladoiro. O prazo de inscrición para o concurso de disfraces remata ás 11:00 horas do propio 12 de febreiro. No total, repartiranse 3.8000 euros entre as categorías infantil, adultos, grupos e comparsas. Ademais, entregaranse dous premios especiais, de 125 euros cada un, aos mellores disfraces realizados con material de reciclaxe e refugallo. Os Festicultores Troupe, a Charanga NBA e Fanfarría Taquikardia porán música á festa. Durante o desenvolvemento do festexo, o aparcadoiro da Travesía do Porto permanecerá pechado. Así mesmo, estará prohibido estacionar neste espazo desde as 22:00 horas da noite do domingo 11 ás 12:00 horas do martes, 13 de febreiro.
O Concello de Ames volve organizar neste 2018 unha nova Festa de Entroido. A celebración, que se desenvolverá o vindeiro luns, 12 de febreiro, terá lugar na localidade do Milladoiro, a partir das 17:00 horas. A programación da mesma incluirá un concurso e un desfile de disfraces nos que se poderá participar nas seguintes categorías: infantil, adultos, grupos e comparsas. Nas dúas primeiras estará permitida a participación de forma individual ou en parella.
Na categoría infantil, as e os participantes deberán ter 12 anos ou menos, quedando reservada a categoría adultos para as persoas que superen esta idade. Os grupos deberán estar conformados por entre 3 e o 9 persoas, mentres que as comparsas deberán contar, como mínimo, con 10 integrantes. Tanto na categoría de grupos como na de comparsas, estará permitida a participación de persoas de todas as idades. As inscricións para participar no concurso pódense realizar de xeito presencial, na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 09:00h a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal. O prazo de inscrición remata o luns, 12 de febreiro, ás 11:00 horas.
No momento da inscrición, deberase achegar o título do disfrace, o nome e apelidos da ou das persoas representantes, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de compoñentes. As fichas de inscrición deberán estar asinadas polas persoas representantes. As e os menores de idade deberán ser inscritos pola súa ou o seu responsable legal. No caso dos grupos, as inscrición deberán ser asinadas por dúas persoas maiores de idade, catro no caso das comparsas, sempre que non pertenzan a algunha asociación legalmente constituída. Alén diso, as persoas representantes deberán estar apoiadas polas e polos demais membros concursantes e autorizadas para recoller o premio.
Categorías e premios do concurso de disfraces
No total, repartiranse 3.800 euros entre as catro categorías: infantil, adultos, grupos e comparsas. Cada categoría contará con tres premios. Na categoría infantil, haberá 100 euros para o primeiro premio, 75€ para o segundo e 50€ para o terceiro. Na categoría de adultos, o primeiro premio estará dotado con 200 euros, o segundo con 150€ e o terceiro con 75€. No tocante aos grupos, estes recibirán 500 euros no caso de acadaren o primeiro premio, 300€ no caso de acadaren o segundo e 150€ se conseguen o terceiro. Na categoría comparsas repartiranse, respectivamente, 1.100€, 600€ e 500 euros. Ademais, entregaranse outros 250 euros destinados aos dous mellores disfraces elaborados con material de reciclaxe e refugallo.
O xurado, que estará composto por tres persoas designadas polo departamento de Educación e Cultura, valorará a creatividade, a caracterización e a orixinalidade dos disfraces. A valoración realizarase durante o desfile e a decisión adoptada será inapelable. As persoas participantes deberán presentarse na carpa instalada polo Concello na Travesía do Porto, debidamente ataviadas, entre as 17:00h e as 18:00 horas. O desfile dará inicio arredor das 18:00h, seguindo o percorrido e o ritmo que marque a música. Os Festicultores Troupe, a Charanga NBA e a Fanfarría Taquikardía serán os grupos encargados de pór a animación musical á Festa de Entroido do Concello de Ames.
Peche do aparcadoiro na Travesía do Porto
Con motivo da realización da Festa de Entroido, o aparcadoiro situado na Travesía do Porto, enfronte á Escola Infantil, permanecerá pechado entre as 22:00 horas do domingo 11 e as 12:00h do martes, 13 de febreiro. De igual maneira, o luns 12, produciranse cortes de tráfico nas rúas polas que discorra o desfile, a partir das 18:00 horas: Travesía do Porto, Pardiñeiros, Agro do Medio, Agro da Madalena, Cereixos e novamente Travesía do Porto.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Entroido Mareiro, talleres de máscaras y desfile en Ames"