Pestanas principais

Participa na Feira das Linguas que se celebra este xoves, 26 de decembro, no Milladoiro

Luns, 23 de decembro de 2019

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves, 26 de decembro, ás 18.00 horas, o espectáculo musical da “Feira das Linguas”, que está dirixido a un público familiar. Trátase dunha obra de teatro musical para que as nenas e os nenos se acheguen á historia da lingua desde os ritmos máis actuais, co obxectivo de promover o galego entre as novas xeracións. As entradas para esta actividade, que se enmarca dentro do programa Apego, poden mercarse na billeteira electrónica do Concello de Ames.

A actividade, organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística dentro do programa Apego, será levada a cabo por Lydia Botana. A Feira das Linguas ofrecerase a partir das 18:00 horas do xoves, 26 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha representación de teatro musical para nenos e nenas, na que Lydia Botana conta a historia da lingua galega coas cancións e ritmos máis actuais. Mediante versións en galego-portugués e con estilos como o trap e rap, e botando man de moito humor, o espectáculo serve para promover o galego entre a poboación máis nova.

As entradas para ver este espectáculo poden adquirise na billeteira electrónica do Concello de Ames. O prezo da entrada xeral é de 2 euros, mentres que o prezo da entrada reducida é de un euro.

Lydia Botana é unha música multinstrumentista que ten formado parte de diversas agrupacións tanto rock, pop, reggae/ska, coma esembles de percusión, bandas sinfónicas ou dirección de coros. Titulada polo Conservatorio Superior de Música de A Coruña en Pedagoxía da Linguaxe e a Educación Musical ten a titulación do Grado Profesional de piano cursado entre o Conservatorio de Culleredo e o da Coruña e o Grado Profesional de percusión.

O programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.

O programa ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Ten como destinatarios a familias empadroadas en Ames que agardan un bebé ou que teñen un neno ou nena de entre 0 a 6 anos. Pode solicitarse unha cita, para inscribirse no programa, a través do teléfono 662 377 215. Para ampliar información sobre o programa pode consultarse na súa páxina web.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "A Feira das Linguas chega este xoves a Milladoiro"

Participa na Feira das Linguas que se celebra este xoves, 26 de decembro, no Milladoiro