Pestanas principais

Participa na carreira feminista “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrará o vindeiro venres 8 de marzo

Mércores, 28 de febreiro de 2024

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrará o vindeiro venres, 8 de marzo, na contorna do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro do programa elaborado polo Concello con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller. O obxectivo da proba, que comezará ás 17:30 horas, é reivindicar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día a través dos nove obstáculos que se instalarán no circuíto. A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón. Este evento familiar está pensado para tódolos públicos maiores de 5 anos, onde terán que completar un percorrido duns 600 metros.

Este ano celébrase a cuarta edición da carreira “Moitos camiños, mesma meta”, que tivo unha gran acollida en anos anteriores e contou cunha gran participación. Trátase dunha proba deportiva na que  os participantes deberán enfrontarse a nove obstáculos ao longo de 600 metros, que se poden recorrer correndo ou andando, e con ou sen axuda de compañeiros/as. Non se trata dunha cita competitiva, senón dunha proba que busca reivindicar as dificultades ás que se enfrontan todas as mulleres no seu día a día. Cada atranco simbolizará un reto distinto.

O recorrido poderase realizar de maneira individual ou con compañía. Ademais, búscase fomentar a participación do público familiar e propiciar o debate social sobre aspectos como a conciliación ou a corresponsabilidade. Por este motivo, esta carreira está pensada para tódalas persoas maiores de 5 anos. No caso dos menores, deberán acudir acompañados dun adulto.

Este ano a carreira farase na contorna do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a partir das das 17:30 horas. A recollida de dorsais farase a partir das 16:00 horas o mesmo día da carreira. Ao final da proba entregarase un agasallo a cada participante.

A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello, situadas no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) e en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n) ata o mércores 6 de marzo ás 14:00 horas. As inscricións tamén se poderán facer o propio venres 8 de marzo, ata media hora antes de comezar a proba.

Participa na carreira feminista “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrará o vindeiro venres 8 de marzo

Multimedia

  • Participa na carreira feminista “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrará o vindeiro venres 8 de marzo