Pestanas principais

Participa na carreira ciclista do pavo que se celebrará este sábado en Bertamiráns

Mércores, 26 de decembro de 2012

[26-12-2012] O Concello de Ames acolle este ano a carreira ciclista do pavo, que está organizada pola Asociación Galega de Ciclistas. Este evento deportivo celebrarase este sábado, 29 de decembro, a partir das 16:00 na zona do Pedregal, en Bertamiráns. Trátase dunha proba deportiva coa que se pon fin a temporada ciclista de 2012. É unha festa do ciclismo na que poden participar todas aquelas persoas de máis de 16 anos que gocen coa práctica deste deporte, así como todos os ciclistas que dispoñan de licencia federativa. Esta proba dispútase nun circuíto circular. Os premios para os tres primeiros clasificados son un trofeo para cada un e un pavo, un polo e unha perdiz segundo a orde de chegada. Ademais, a partir das 20:00 haberá un partido entre os ciclistas do norte (pertencentes ás provincias da Coruña e Lugo) contra os ciclistas do sur (das provincias de Pontevedra e Ourense). As inscricións pódense realizar o propio sábado dende as 15:00 horas no contorno da saída do circuíto.

Este sábado 29 de decembro porase punto e final a temporada ciclista de 2012 cunha xornada festiva e lúdica na que se celebrará a carreira ciclista do pavo, que está organizada pola Asociación Galega de Ciclistas. Esta carreira volve a organizarse despois que durante os últimos catro anos non se realizase. Este evento está dirixido tanto a ciclistas federados coma a todas as persoas que gocen practicando este deporte. Poderán participar todos aquelas persoas maiores de 16 anos. Os participantes terán que levar a súa bicicleta e un casco para poder participar.

Os ciclistas con licenza federativa competirán nun circuíto circular de 880 metros de lonxitude. Este circuíto instalarase na zona do Pedregal, en Bertamiráns. En función do número de participantes organizaranse varias mangas na que participarán entre 25 e 30 ciclistas. En cada manga clasificaranse os cinco primeiros para disputar a gran final. Os tres primeiros clasificados levarán un trofeo e un pavo (para o primeiro), un polo (para o segundo) e unha perdiz (para o terceiro clasificado).

Trala competición ciclista e para continuar coa xornada festiva todos os participantes neste evento xogarán un partido de fútbol entre os ciclistas do norte (pertencentes ás provincias da Coruña e Lugo) contra os ciclistas do sur (das provincias de Pontevedra e Ourense). Este partido disputarase a partir das 20:00 horas no campo de fútbol municipal de Bertamiráns.

Para participar nesta carreira ciclista é necesario estar inscrito/a. Todas as persoas que desexen participar poderán realizar a inscrición o propio día da proba dende as 15:00 horas na saída do circuíto. Dende unha hora antes de que empece a carreira ciclista do pavo os membros da Asociación Galega de Ciclistas estarán no contorno do circuíto para poder facer as inscricións. Para obter máis información poden chamar ao número de teléfono 677 555 748.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns acoge el sábado la Carreira ciclista do pavo"