[21-03-2017] O Concello de Ames organiza unha andaina pola senda verde, que une as localidades do Milladoiro e Bertamiráns a través de camiños e pistas forestais nun traxecto de 12 quilómetros, para este domingo 26 de marzo. A ruta ofrece fermosas vistas do Val da Maía, paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso. A saída realizarase ás 10:00 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. A chegada á praza do Concello de Bertamiráns está prevista para as 13:30 horas. Haberá servizo de autobús para achegar aos participantes de Bertamiráns ao punto de saída, situado no Milladoiro, e para, unha vez rematada a ruta, levar aos participantes do Milladoiro ata a Casa da Cultura desta localidade. Para reservar praza de autobús hai que chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal
Este domingo, 26 de marzo, realizarase unha andaina pola senda verde que une O Milladoiro e Bertamiráns. Esta ruta permite observar e comprender a sucesión de diferentes ecosistemas (urbano, rural, forestal e fluvial) nun percorrido de 12.000 metros. Esta andaina terá unha dificultade media e está dirixida ás persoas que lles guste camiñar e gozar da natureza. A saída está prevista para as 10:00 horas dende diante da Casa da Cultura do Milladoiro e prevese chegar á praza do Concello, en Bertamiráns, entre as 13:30 h e as 14:00 horas. Recoméndase levar auga, calzado cómodo e algo para comer. A intención do Concello de Ames con esta iniciativa é valorizar o itinerario cultural e ambiental da ruta e da zona co obxectivo de que a xente a coñeza mellor.
Unha técnica municipal acompañará aos participantes para impartirlles diferentes explicacións sobre diferentes aspectos relacionados cos cultivos, política de prevención de incendios e xestión sostible do monte, entre outros. A ruta atravesa as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, pasando polos núcleos rurais de Eirapedriña, Firmistáns, Tarrío, Buceleiras, Barreiro, Framil, Fraiz e Ventín. Cómpre destacar que os participante verán grandes prados e lugares onde se realiza un correcto aproveitamento do monte. Asemade, pasase ao carón dun dos puntos por onde discorría a primeira liña ferroviaria de Galicia entre Cornes (Santiago) e Carril.
Os e as asistentes a esta ruta realizarán un pequeno descanso no campo da festa de Bugallido. Tralo receso, os camiñantes poderán coñecer o conxunto arquitectónico da Igrexa de Bugallido e divisar unha gran panorámica do Val da Maía. Tamén coñecerán a importancia das carballeiras, das brañas da Devesa como ecosistemas para a conservación da diversidade biolóxica, así como a relevancia da gándara de Bertamiráns "Espazo rede Natura 2000".
Haberá servizo de autobús para achegar aos participantes de Bertamiráns ao punto de saída, situado no Milladoiro, e para, unha vez rematada a ruta, levar aos participantes do Milladoiro ata a Casa da Cultura desta localidade. As persoas que queiran solicitar máis información ou reservar praza no autobús poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Aquelas persoas que non vaian usar o autobús non teñen que inscribirse. Tan só deben saber que teñen que estar ás 10:00h diante da Casa da Cultura do Milladoiro.




