Pestanas principais

Participa na andaina pola ruta de Riamontes que se desenvolverá este domingo 14 de maio

Martes, 09 de maio de 2017

[09-05-2017] A Concellaría de Medio Ambiente organizou para este domingo, 14 de maio, unha andaina pola ruta de Riamontes. Percorreranse sete quilómetros andando polos arredores do regato e dos muíños que hai na súa contorna. Na metade da andaina os camiñantes chegarán ao Alto de San de Marcos onde se fará un breve descanso e poderase gozar dunha panorámica do Val da Maía. Trátase dunha andaina aberta a todos os públicos que é circular, polo que arranca e remata no lugar do Vilar, pertencente á parroquia de Ames. Un autobús achegará aos participantes a punto de partida. As persoas que queiran solicitar máis información ou inscribirse nesta actividade poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal

A ruta de Riamontes alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural. A enorme variedade de especies vexetais e animais que atopamos nas pequenas fragas do regato de Riamontes fálanos dun espazo equilibrado e diverso onde os saltos e as pequenas fervenzas salpican a contorna con pingas de auga cristalina. A ruta é circular e comeza e remata na aldea de Vilar, na parroquia de Ames. Neste lugar están instalados diversos paneis interpretativos que lle axudarán ao/a camiñante a guiarse e descubrir os tesouros que se agochan neste espazo. Estes paneis interpretativos foron acondicionados recentemente polos operarios da brigada de espazos naturais.

Un autobús achegará aos participantes a punto de partida. Dito autobús pasará ás 09:45h pola Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:00h pola praza do Concello, de Bertamiráns. A andaina comezará arredor das 10:30 horas. Antes de comezar a camiñar a técnico da Aula da Natureza ofrecerá unha breve charla sobre a flora e fauna que se pode ver nesta ruta. Unha vez finalizada a ruta o autobús levará de volta aos participantes ata Bertamiráns e O Milladoiro. A hora de regreso está prevista para as 14:00 horas.

O primeiro tramo do percorrido transcorre por un vello camiño entre prados e árbores froiteiras no que se pode contemplar unha paisaxe tipicamente rural. Posteriormente, os camiñantes entrarán nun fermoso tramo que discorre á carón do rego de Riamontes e que alberga, ademais dunha multitude de especies, un total de 11 muíños encadeados. Os muíños de Riamontes, en diferente estado de conservación, gardan entre os seus muros unha infinidade de historias das muiñadas de outrora. Continuando o ascenso, pasarase pola poza onde se encoraba a auga durante o verán para o funcionamento dos muíños. Hoxe nesta poza pódese observar unha gran cantidade de anfibios e moitas pegadas de animais que se achegan ata ela para beber.

Realizarase un itinerario de alto valor cultural e ambiental
Seguindo a camiñada, a ruta chega ata o alto de San Marcos, a 260 metros sobre o nivel del mar. Desde alí pódese contemplar unha espléndida visita do val da Maía, o val formado polo río Sar. Neste lugar vaise facer unha pequena parada para comer algo e repoñer forzas. Alí no alto atópanse tamén os restos da ermida de san Marcos. Os sinais indicativos axudaranlle aos camiñantes a emprender o descenso por un carreiro entre matogueiras e plantacións forestais que os levará de volta ao lugar de Vilar. Durante esta última parte da andaina os participantes poderán ver unha das poucas sobreiras que quedan por esta zona.

A andaina pola Ruta de Riamontes, que está dirixida a todos os públicos, terá unha duración aproximada de 3 horas. Recoméndase levar auga, roupa e calzado cómodo, así como algo para comer. Tamén se lle recomenda aos participantes que manteñan o grupo unido e non se dispersen xa que poderían perderse durante o transcurso da andaina. A intención do Concello de Ames con esta iniciativa é valorizar o itinerario cultural e ambiental da ruta e da zona co obxectivo de que a xente a coñeza mellor. As persoas que queiran solicitar máis información ou inscribirse nesta actividade poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal