[27-09-2018] O vindeiro mércores, 3 de outubro, arranca a iniciativa Ames English Round Table, impulsada pola profesora de inglés Pilar Mirón. O obxectivo desta proposta é quedar unha hora cada semana para practicar a conversación en inglés nun ambiente distendido. Os únicos requisitos para participar nesta iniciativa, que se celebra na cafetaría do Centro Sociocultural do Milladoiro, son ser maior de idade e posuír un nivel de inglés suficiente para manter unha conversa nesta lingua.
Co obxectivo de practicar a conversa en inglés de xeito ameno e fuxindo das tradicionais clases de idiomas, a profesora Pilar Mirón organiza a Ames English Round Table, cuxa primeira xornada se realizará o vindeiro mércores, 3 de outubro, na cafetaría do Centro Sociocultural do Milladoiro. De 17.00 a 18.00 horas, os participantes poderán practicar a súa conversa en inglés namentres consumen algo no local.
Esta primeira xuntanza será de benvida, polo que os participantes poderán presentarse, atopar intereses comúns e falar de xeito distendido. As próximas semanas, posto que esta actividade se realizará todos os mércores de 17.00 a 18.00 horas na mesma cafetaría, versarán sobre temas do día a día, puntos en común, ou temas que se poidan fixar a semana anterior para poder levalos preparados.
Para participar nesta iniciativa, na que o único custo para os participantes será as súas propias consumicións, só é necesario ser maior de idade e ter un nivel de inglés medio/alto, o suficiente para manter unha conversa, posto que a finalidade non é aprender inglés senón afianzar coñecementos e practicar o idioma.
Así, os interesados en formar parte desta mesa redonda poderán confirmar a súa asistencia ou recibir máis información a través do correo electrónico amesenglishroundtable@gmail.com