Pestanas principais

Participa na actividade “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”

Sábado, 23 de marzo de 2019

As concellarías de Medio Ambiente e Mocidade organizan unha nova edición do programa “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”, que este ano se realizará entre os días 26 e 28 de abril. O prazo de inscrición comeza este mércores, 27 de marzo, e nela poderán anotarse un total de 30 mozos/as entre os 13 e os 18 anos. Para que se realice dita actividade será necesario acadar un mínimo de 15 inscritos. O custe da actividade é de 80 euros, que inclúe os gastos de desprazamento, o custe das actividades que se van desenvolver e o aloxamento en réxime de pensión completa. A cea da primeira noite non está incluída no prezo, polo que deberá levarse da casa. O prazo de inscrición estará aberto ata o 5 de abril. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición nesta actividade.

O Concello de Ames desenvolve un ano máis o programa “Vente de finde”, que busca pór en valor diferentes actividades lúdicas e ambientais, co obxectivo de fomentar a participación e de promover o respecto pola natureza no tempo de lecer da mocidade do concello. Así mesmo, mediante esta saída, organizada a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e da Aula da Natureza, procúrase dotar ás mozas e mozos amesáns das ferramentas precisas para traballar a súa autonomía e independencia mediante a cooperación, o respecto e ao achegamento ao medio natural.

A actividade realizarase na comarca de Bergantiños, en concreto na praia de Razo en Carballo, un dos destinos de surf e natureza máis importantes de Galicia, onde tamén se sitúa o albergue no que se hospedarán as mozas e mozos participantes. A actividade, que está dirixida a rapazas e rapaces entre os 13 e os 18 anos de idade, desenvolverase entre o 26 e o 28 de abril. A saída, que será en autobús, producirase tanto dende O Milladoiro como dende Bertamiráns.

No total, ofértanse 30 prazas, das cales deberanse cubrir un mínimo de 15 para que a actividade se leve a cabo. O custo por persoa é de 80 euros, prezo que inclúe os gastos de desprazamento, o aloxamento en réxime de pensión completa e a realización das actividades. Non obstante, as mozas e mozos participantes deberán levar a cea do primeiro día.

Tramitación das inscricións
O prazo para a presentación do formulario de inscrición permanecerá aberto ata o 5 de abril. Xunto ao formulario, os mozos e mozas deberán entregar unha fotocopia do DNI, unha fotografía recente e certificado médico no caso de padecer enfermidades que se deban ter en conta. A documentación entregarse nos rexistros municipais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina ou das oficinas municipais do Milladoiro, de luns a venres, de 09.00h a 14.00 horas.

As prazas entregaranse por rigorosa orde de inscrición, tendo en conta os criterios establecidos nas bases da actividade. A listaxe de persoas admitidas e excluídas publicarase unha vez rematado o prazo de inscrición. As rapazas e rapaces admitidos deberán efectuar a autoliquidación, ou o que é o mesmo, o pagamento da actividade. O documento de autoliquidación para efectuar o pagamento chegaralles ao correo electrónico facilitado no impreso de inscrición, aínda que tamén poderá obterse nos rexistros municipais nos horarios de atención ao público, así como mediante o correo electrónico ames@canaltributos.com.

As bases e o impreso de inscrición pódense atopar no departamento de Medio Ambiente, situado na Casa do Concello, e na OMIX de Ames, os martes e os venres na Casa da Cultura do Milladoiro; e os luns, mércores e xoves na Casa do Concello. De igual maneira, tamén é posible descargar a documentación no apartado de descargas desta nova e na sección de Avisos da páxina web municipal. Para obter máis información, pódese chamar aos número de teléfono 616 083 229 ou 660 004 665 ou enviar un correo aos enderezos auladanatureza@concellodeames.gal ou omix@concellodeames.gal

Ligazóns

Participa na actividade “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”

Multimedia

  • Participa na actividade “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”