Pestanas principais

Participa na actividade “Finde na neve” que se realizará en Leitariegos no mes de febreiro

Mércores, 17 de xaneiro de 2024

A Concellería de Xuventude organiza unha nova actividade dirixida á mocidade empadroada en Ames. Trátase da iniciativa “Finde na neve”, que se desenvolverá do 23 ao 25 de febreiro na estación invernal de Leitariegos (León). Na actividade poderán participar un total de 40 mozos/as nados entre o 2008 e o 1993. Para que a actividade se realice será necesario acadar un mínimo de 25 inscritos. As prazas que non se cubran con persoas empadroadas en Ames poden ser ocupadas por persoas doutros concellos. O prazo de inscrición estará aberto dende o 23 ata o 31 de xaneiro. O custe da actividade é de 158 euros; o prezo inclúe transporte, estadía, manutención, forfait, alugueiro do material de esquí, curso de 4 horas, etc. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de inscrición.

“Finde na neve” é unha saída de fin de semana á estación invernal de Leitariegos (León), que se realizará entre o 23 e o 25 de febreiro, con saída en autobús o venres pola tarde e regreso o domingo á noitiña. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o ocio saudable e en contacto coa natureza, ademais de fortalecer as experiencias conxuntas e as relacións interpersoais da mocidade.

A saída inclúe desprazamento de ida e volta en autobús, aloxamento en pensión completa  (de 3 días e 2 noites) no albergue El Cordal Laciana, forfait durante dous días, alugueiro de material de esquí (esquís, botas, bastóns e casco), curso de esquí de 4 horas (cun/ha monitor/a por cada 10 participantes), seguros e monitores/as acompañantes 24 horas. O servizo de pensión completa comeza coa cea do venres 23 de febreiro e remata coa comida do domingo 25.

Ofértanse un máximo de 40 prazas para as mozas e mozos amesás nados entre o 2008 e o 1993. Para que a actividade se realice será necesario acadar un mínimo de 25 inscritos. Á hora de inscribirse terán preferencia os rapaces e rapazas empadroados/as en Ames (comprobarase de oficio). As prazas que non se cubran con persoas empadroadas en Ames poden ser ocupadas por persoas doutros concellos.

Inscrición
O prazo de inscrición estará aberto desde o 23 ao 31 de xaneiro. As solicitudes poderán presentarse a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello, ou de xeito presencial no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Para inscribirse, o/a interesado/a deberá achegar:

-Ficha de inscrición cuberta e asinada.
-Copia do DNI do/a participante e do/a pai/nai/titor-a, no caso dos menores.
-Copia da tarxeta sanitaria.
-Certificado médico, no caso de que o/a participante teña tratamento, doenza, medicación específica ou algún tipo de alerxia.

O 5 de febreiro publicarase a lista de inscritos/as na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello. Para obter máis información, poderase contactar co departamento de Xuventude de Ames (XA!) chamando ao teléfono 616 08 32 29, ou enviando ou correo electrónico ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.

Custe e pagamento
O custe da actividade é de 158 euros. Este prezo inclúe transporte, estadía, manutención, forfait, alugueiro do material de esquí, curso de 4 horas, etc. O transporte e parte do custe das prazas serán financiados pola Concellería de Xuventude.

Deberase facer o abono da actividade, e deste xeito formalizar a inscrición, só despois de que o departamento de Xuventude confirme a praza. Unha vez confirmada, enviarase o impreso de pagamento (autoliquidación) ao correo electrónico facilitado na inscrición. Neste documento indicaráselle o prazo no que debe realizarse o pago.

En caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico, poderase descargar a autoliquidación a través do enlace Oficina Virtual Tributaria que figura na web municipal ou a través da banca electrónica de ABANCA. De non aboar o importe no prazo establecido, considerarase baixa inmediata no servizo sen posibilidade de recuperar os importes aboados, agás causa xustificada.

Contarán coa exención do 100% da taxa aqueles casos de emerxencia social, que conten con resolución do Concello de Ames, tendo en conta o previsto no artigo 11.7 da Ordenanza Fiscal Xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público do Concello de Ames e o regulamento de emerxencia social do Concello. Neste caso, deberase anexar a documentación específica que acredite esta condición mediante informe dos servizos sociais municipais.

Participa na actividade “Finde na neve” que se realizará en Leitariegos no mes de febreiro

Multimedia

  • Participa na actividade “Finde na neve” que se realizará en Leitariegos no mes de febreiro