[25-05-2012] Esta fin de semana haberá festas nas parroquias amienses de Piñeiro e Agrón. Serán unhas festas onde haberá música para bailar e divertirse, así como actos relixiosos.
Os días 26 e 27 de maio celébranse na parroquia de Piñeiro as festas na honra á Virxe das Flores, unha festividade que se organiza cada ano nesta localidade amiense. Serán unhas festas onde haberá música para bailar e divertirse, así como actos relixiosos.
As celebracións comezan mañá, sábado 26 de maio, cunha verbena pola noite na que actuarán a Orquestra Principal e o Trío Orquídea. As festas na honra á Virxe das Flores de Piñeiro continuarán o domingo cunha misa solemne, que comezará ás 13:30 horas. Tras os actos relixiosos, a festa continuará cunha actuación do grupo de gaitas Os Castros e do Trío Orquídea.
Mentres tanto, na parroquia de Agrón a festa terá lugar o domingo, unha xornada na que se honrará á Virxe do Socorro. Para esta data, está prevista a celebración dunha misa solemne ás 13:00 horas e de varias comunións. Media hora antes, ás 12:30 horas, haberá unha actuación do grupo de gaitas Os Castros.




