Pestanas principais

A parroquia de Lens celebra as súas festas patronais o día 31 de agosto e o 1 e 2 de setembro

Xoves, 30 de agosto de 2012

[30-08-2012] A parroquia amiense de Lens celebra durante esta fin de semana as festas na honra do seu patrón san Paio. A Asociación de veciños desta parroquia preparou un completo programa de actividades. Haberá actos relixiosos os tres días, un campionato de tute e a música correrá a cargo dos membros da Asociación Cultural Os Castros. Ademais, para os nenos e nenas organizouse un concurso de pintura e poderán participar en varios xogos populares e nunha xincana. Tres días cheos de diversión e entretemento para festexar as festas patronais.

O programa de festexos comeza o venres, 31 de agosto, ás 13:00 horas, cunha misa cantada. Tralo xantar, ás 18:00 horas, xogaranse as semifinais do campionato de tute no teleclub da parroquia. Este campionato comezou o pasado 25 de agosto coas rondas eliminatorias. A primeira fase do campionato desenvolveuse a través dun sistema de liga por grupos, clasificándose a primeira parella de cada grupo. Esta primeira fase disputouse entre o 25 e o 30 de de agosto. Haberá premios para as parellas finalistas.

A festa continuará o sábado, 1 de setembro, cunha misa solemne ás 13:00 horas. Despois do xantar os nenos e nenas, que participen no concurso de pintura, poderán entregar os seus traballos no adro da igrexa parroquial. Neste concurso poden participar todos os nenos e nenas da Asociación de veciños de Lens que teñan 14 anos ou menos. A inscrición foi de balde. Establecéronse dúas categorías, unha para nenos/as de ata 7 anos e outra dirixida a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. A temática do concurso xira arredor da parroquia de Lens. Cada neno/a debe expresar no seu debuxo como ve a súa parroquia. Haberá premios para todos os participantes e un premio especial para o gañador de cada categoría. O xurado estará formado por cinco membros da asociación de veciños escollidos ao azar.

Ademais, o sábado pola tarde os nenos e nenas terán ocasión de gozar participando en varios xogos populares e nunha xincana. O último día das festas, o domingo 2 de agosto, haberá misa solemne ás 13:00 horas. Tralos actos relixiosos, ás 14:00 h, os veciños e veciñas de Lens poderán gozar coa actuación dos membros da Asociación Cultural Os Castros. Para finalizar as festas, ás 20:00 h, xogarase a final do campionato de tute.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Fiestas de San Paio"
El Correo Gallego: "A parroquia de Lens celebra as súas festas patronais"