Pestanas principais

A parroquia de Lens celebra as súas festas patronais durante esta fin de semana

Xoves, 29 de agosto de 2013

[29-08-2013] A parroquia amiense de Lens celebra durante esta fin de semana as festas na honra do seu patrón san Paio. A Asociación de veciños desta parroquia preparou un completo programa de actividades. Haberá actos relixiosos os tres días, un campionato de tute e a música correrá a cargo dos membros da Asociación Cultural Os Castros. Ademais, para os nenos e nenas organizouse un concurso de debuxo e poderán participar nun Raid xuvenil, en varios xogos populares, paseos a cabalo e nunha xincana popular. Tres días cheos de diversión e entretemento para festexar as festas patronais.

O programa de festexos comeza o venres, 30 de agosto, cunha misa que se celebrará ao mediodía. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, xogaranse as semifinais do II Campionato de tute no teleclub da parroquia. Este campionato comezou o pasado luns, 26 de agosto, coas rondas eliminatorias. A primeira fase do campionato desenvolveuse a través dun sistema de liga por grupos, clasificándose a primeira parella de cada grupo. Esta primeira fase dispútase entre o 26 e o 30 de de agosto. Haberá premios para as parellas finalistas.

A festa continuará o sábado, 31 de agosto, cunha misa que tamén se celebrará ao mediodía. Tralos actos relixiosos haberá inchables para os nenos/as e sesión vermú para os adultos. Despois do xantar os rapaces e rapazas, que participen no concurso de debuxo, poderán entregar os seus traballos no adro da igrexa parroquial. Neste concurso poden participar todos os nenos e nenas da Asociación de veciños de Lens que teñan 14 anos ou menos. A inscrición foi de balde. A temática do concurso xira arredor da parroquia de Lens. Cada neno e nena deberá expresar no seu debuxo como ve a súa parroquia, podendo reproducir unha paisaxe ou calquera escena da vida cotiá. O xurado estará formado por tres membros da asociación de veciños escollidos ao azar.

Ademais, o sábado pola tarde os nenos e nenas terán ocasión de participar en varios xogos populares (chave, o xogo da ra, etc.), paseos a cabalo e nunha xincana popular, que está dirixida aos rapaces e rapazas e as súas familias. Tamén haberá sesión de música e unha cantina.

O último día das festas, o domingo 1 de setembro, haberá misa solemne ao mediodía. Tralos actos relixiosos, ás 14:00 h, os veciños e veciñas de Lens poderán gozar da sesión vermú coa actuación dos membros da Asociación Cultural Os Castros. Despois de comer, ás 17:00 horas, os nenos e nenas poderán participar nun Raid xuvenil, que consiste nunha busca do tesouro polos camiños da parroquia. Deste xeito, os rapaces e rapazas coñecerán os distintos lugares da parroquia dun xeito divertido e lúdico. Para finalizar as festas, ás 20:00 h, xogarase a final do campionato de tute.