Pestanas principais

A parroquia de Bugallido celebrará este sábado o seu tradicional Magosto cunha xornada chea de música e baile

Venres, 14 de novembro de 2025

A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organiza mañá, 15 de novembro, o  Magosto de Bugallido, unha das celebracións máis agardadas de todo o ano. Así, ao longo da tarde deste sábado, todas as persoas que se acheguen ata o campo da festa da parroquia amesá poderán degustar as castañas propias desta festa, así como gozar da foliada de música e baile tradicional da man de A Requinta de Lampai, Os Liantes e A Banda das Crechas. 

Este sábado, 15 de novembro,a parroquia de Bugallido encherase de música, baile e tradición coa celebración do seu tradicional Magosto, unha das celebracións máis agardadas de todo o ano na parroquia amesá. O evento, organizado pola Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, terá lugar no campo da festa a partir das 19.00 horas. Haberá unha carpa cuberta para poder continuar coa celebración a pesar da chuvia. 

O Magosto é unha das celebracións máis tradicionais da cultura galega, unha ocasión ideal para xuntarse arredor do lume, degustar as castañas, probar o viño novo e gozar dunha gran xornada de música e baile tradicional en boa compañía. 

O evento comezará ás 19.00 horas dun obradoiro de baile tradicional en familia, impartido por Marcos Botana, bailador cunha ampla traxectoria na transmisión da cultura tradicional galega. Esta actividade é apropiada para aquelas persoas que queiran comezan a iniciarse no baile galego, así como para desfrutar en familia. 

Xa ás 20.00 horas dará comezo unha gran foliada, amenizada por A Requinta de Lampai, unha agrupación que recupera as músicas e instrumentos propios da zona da Ulla e mesturando tradición con innovación. Contarase tamén co grupo Os Liantes, procedentes da zona de Antes, en Ribeira, e que traerán un ano máis un gran ritmo cheo de ledicia e enerxía ata Bugallido. Por último, estarán presentes a Banda das Crechas, unha formación con algúns dos mellores músicos do país e que mesturan tradición e festa dun xeito único. 

Novas relacionadas: 

Diario de Santiago: "A parroquia de Bugallido, en Ames, celebra hoxe o seu tradicional Magosto cunha xornada chea de música e baile"

Xornal de Compostela: "Bugallido celebra hoxe o seu Magosto con música, baile e obradoiros familiares"

A parroquia de Bugallido celebrará este sábado o seu tradicional Magosto cunha xornada chea de música e baile

Multimedia

  • A parroquia de Bugallido celebrará este sábado o seu tradicional Magosto cunha xornada chea de música e baile