Pestanas principais

A parroquia de Bugallido celebra a tradicional romaría de San Isidro este domingo

Venres, 13 de maio de 2016

[13-05-2016] A Asociación Cultural A Mahía organiza este domingo, 15 de maio, coa colaboración do Concello de Ames, a romaría de San Isidro. Festa con moito arraigo e tradición na parroquia de Bugallido, onde se celebrará a misa, para despois continuar as festas cun xantar popular e unha tarde de música e baile. Ás 17:00 horas comezará o campionato de chave, con premios para as tres mellores parellas do torneo.

A misa cantada comezará ás 12:30 horas, a cargo das voces da Coral Polifónica de Bugallido. Trala misa o grupo de gaitas Os Castros será o encargado de guiar a procesión.

Ás 14:30 horas a festa trasládase á mesa. Nun posto que estará instalado no lugar da festa poderanse mercar billetes para o xantar, que inclúe as opcións de callos, empanadas ou de polbo á feira, preparado por unha polbeira do Carballiño. A organización da festa convida aos veciños e veciñas ao viño que acompañará a comida, amenizada polos músicos da charanga Compostela.

Ás 17:30 horas dará comezo o campionato de chave, no que poden apuntarse todos os veciños e veciñas que así o desexen. Haberá premios para as parellas que acaden o primeiro, o segundo e o terceiro mellores postos. Recibirán, respectivamente, dous xamóns, dúas botellas de mencía e dous trofeos.

Tamén pola tarde, a partir das 18:00 horas, terá lugar un certame de baile e música tradicional. Os nenos e nenas do concello de Ames que aprenden baile galego da man da asociación Os Castros serán os que sairán ao torreiro, dende os máis pequenos e pequenas ata o alumnado de máis idade. Actuarán tamén as pandereteiras de Bugallido, que por segundo ano consecutivo, participan cos seus cantos nesta tradicional romaría.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Chega o San Isidro mañá á parroquia de Bugallido"