Pestanas principais

A parroquia de Bugallido celebra os días 27, 28 e 29 de xuño as festas na honra de San Pedro

Venres, 27 de xuño de 2014

[27-06-2014] A parroquia amiense de Bugallido celebra durante esta fin de semana as festas na honra de San Pedro. Este venres, 27 de xuño, haberá sesión vermú co dúo Rosan e a verbena da noite correrá a cargo da orquestra Tango. O sábado actuarán os membros do grupo de gaitas da Asociación Cultural Os Castros e a orquestra Principal. O domingo celebrase o día do Sacramento. A misa do domingo será cantada pola Coral de Bugallido e a sesión vermú correrá a cargo da orquestra Solara. Haberá misa os tres días ás 10:00 h e ás 13:00 horas.

Xa estamos no verán e maior parte das parroquias amienses celebran durante estes meses as súas festas patronais. Nesta ocasión tócalle a quenda aos veciños e veciñas da parroquia de Bugallido. Os actos festivos comezan este venres, 27 de xuño, ao mediodía coa sesión vermú que estará amenizada polo dúo Rosan. Á noite a verbena correrá a cargo da orquestra Tango. Ademais, haberá actos litúrxicos ás 10:00 h e ás 13:00 horas na honra de San Antonio.

O sábado, 28 de xuño, celebrarase a festa na honra de San Pedro. Tamén haberá misa ás 10:00 e ás 13:00 horas. De seguido, realizarase a correspondente procesión co grupo de gaitas da Asociación Cultural Os Castros. A sesión vermú estará amenizada pola orquestra Principal, que volverá a actuar na verbena pola noite, e polo grupo de gaitas da Asociación Cultural Os Castros.

O último día das festas será o domingo, 29 de xuño. Neste caso celebrarase o día do Sacramento. Os actos relixiosos comezarán ás 10:00 horas e continuarán ás 13:00 horas cunha misa cantada pola Coral de Bugallido. Tralos actos relixiosos haberá sesión vermú que correrá a cargo da orquestra Solara.