Pestanas principais

A parroquia de Bugallido celebra este sábado, 17 de maio, as festas na honra de san Isidro

Venres, 16 de maio de 2014

[16-05-2014] Os veciños e veciñas da parroquia amiense de Bugallido celebran este sábado, 17 de maio, as festas na honra de san Isidro. Con motivo desta festividade, organizouse a IV Carreira Pedestre e dous campionatos: un de chave e outro de fútbol sala. Ás 13:00 horas haberá unha unha misa cantada e a partir das 14:30 horas desenvolverase a XI Degustación de callos. Tamén haberá reparto de empanada e viño. Pola tarde, disputarse a final do campionato de fútbol e a partir das 18:00 horas celebrarase un Certame de baile rexional. Estas festas están organizadas pola Asociación Cultural A Maía de San Pedro de Bugallido, en colaboración co Concello de Ames.

Este sábado, 17 de maio, celebrarase a festa na honra de san Isidro. Para celebrar esta festividade organizáronse varios eventos deportivos, gastronómicos e musicais. Ás 10:00 h comezará a IV Carreira Pedestre. Todas as persoas que desexen participar nesta carreira terán de prazo para inscribirse ata ás 9:00 horas do sábado 17 de maio. Para iso teñen que chamar aos números de teléfonos 660 576 451/680 189 021.

A partir das 11:00 horas comezarán os campionatos de chave e de fútbol sala. Dende a Asociación Cultural A Maía de San Pedro de Bugallido preténdese estimular con este tipo de torneos a práctica do xogo da chave, xa que se atopa nunha situación de esquecemento debido a falta de coñecemento por parte da mocidade. Ao mesmo tempo que se realiza o campionato de chave desenvolverase outro campionato, pero neste caso de fútbol sala dirixido aos nenos e nenas. Este torneo desenvolverase na pista polideportiva que se atopa ao carón do campo da festa de Bugallido.

XI Degustación de callos
Os actos relixiosos comezarán ás 13:00 horas cunha misa cantada na que actuará a Coral Polifónica de Bugallido. Trala misa cantada realizarase a correspondente procesión na que actuarán os membros da Asociación Cultural Os Castros. A partir das 14:30 horas desenvolverase a XI Degustación de callos. Por 4 euros poderase mercar un tícket que dará dereito a consumir unha ración de callos e pan (a bebida está incluída). Tamén haberá reparto de empanada e viño. Ademais, instalarase un polbaría do Carballiño para todos aqueles que opten por degustar este saboroso manxar galego ou prefiran comer churrasco.

A comida estará amenizada polos membros da Asociación Cultural Follas Novas. Xa pola tarde, disputárase a final do campionato de fútbol de nenos/as. Ás 18:00 horas, haberá un Certame de Baile rexional. Ademais, haberá unha exposición de Natalia Horschovski e outra de Lola Carrerá. Para pechar a festa actuará o músico Juan Carlos. Estas festas están organizadas pola Asociación Cultural A Maía de San Pedro de Bugallido, en colaboración co Concello de Ames.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Degustación de callos en Ames"