[18-05-2018] A Asociación Cultural A Mahía e Sociedade Agraria organizan para este domingo, 20 de maio, a romaría de San Isidro. A festa, que conta coa colaboración do Concello de Ames, incluirá a celebración dunha misa cantada e dunha procesión, un xantar popular, un mercado de produtos de tempada e de apeiros agrícolas, unha mostra de xogos populares e un certame de baile e música tradicional. A romaría, que goza de moito arraigo nesta parroquia amesá, tamén acollerá a realización dun campionato de chave con premios para as tres mellores parellas do torneo.
A romaría de San Isidro dará comezo ás 12:00 horas, coa inauguración do mercado de produtos de tempada e apeiros agrícolas e da mostra e realización de obradoiros de xogos populares para crianzas. Posteriormente, ás 12:30 horas, terá lugar unha misa cantada da man da Coral Polifónica de Bugallido. O grupo de gaitas Os Castros será o encargado de guiar a procesión que se realizará unha vez finalice a misa.
Ás 14:00 horas comezará o xantar popular coa degustación de empanada e viño e coa celebración da XV Degustación de callos. O xantar, no que estará a Pulpería García, será dinamizado pola charanga “Tíralle do aire”. A partir das 15:00 horas e ata as 17:00h, haberá inchables gratuítos para as máis pequenas e pequenos.
O campionato de chave desenvolverase a partir das 17:00 horas. O torneo contará con premios para as tres mellores parellas: un premio de dous xamóns para a primeira clasificada, dúas botellas de mencía para a segunda e dous trofeos para a terceira. Neste campionato poderán apuntarse todas aquelas veciñas e veciños que así o desexen.
Finalmente, ás 17:30 horas, celebrarase o certame de baile e música tradicional, no que participarán o grupo de gaitas Os Castros, as pandereteiras de Bugallido, as pandereteiras da Costaneira e a Agrupación Paseo de Colón.
Así mesmo, ao longo da xornada, haberá unha exposición do centenario da Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído. A exposición estará conformada por instrumentos, apeiros de labranza e louza que transmitirán a historia da sociedade ao longo de 100 anos.
Contido relacionado
Lindeiros: "San Cidre en Boqueixón e San Isidro en Ames, festas na fin de semana"
Compostela 24 horas: "A parroquia de Bugallido celebra hoxe a súa tradicional romaría de San Isidro"