Pestanas principais

A parroquia de Agrón estará de festa esta fin de semana

Mércores, 10 de outubro de 2012

[10-10-2012] A parroquia de Agrón celebrará esta fin de semana as festas na honra da Virxe do Rosario, unha festividade que se organiza cada ano nesta localidade amiense. Desde o venres ata o domingo, haberá actos relixiosos e tres xornadas de música, baile e diversión.

As celebracións en Agrón comezarán o venres, 12 de outubro, cunha verbena que estará amenizada polas orquestras La Bámbola e Olympus. Xa no sábado, no que se celebra a festividade de San Andrés, a festa comezará cunha misa solemne que se celebrará ás 13:00 horas. A sesión vermouth correrá a cargo do grupo Metrópolis, que tamén lle amenizará a noite aos veciños/as de Agrón.

O domingo, 14 de outubro, as festas honrarán á Virxe do Rosario. O primeiro dos actos da xornada será unha misa cantada pola Coral de Bugallido. Un grupo musical será o encargado de amenizar a sesión vermú coa que rematarán as festas.

Nas inmediacións da igrexa parroquial de Agrón haberá un aparcadoiro iluminado para aquelas persoas que desexen aloxar os seus automóbiles e a comisión de festas situará durante esta festividade unha gran cantina no campo da festa.