[10-08-2015] A parroquia de Agrón celebrará os días 10, 11 e 12 de agosto as festas na honra de San Lourenzo, unha festividade que se organiza cada ano nesta parroquia amesá. Desde hoxe ata o mércores, haberá actos relixiosos e tres xornadas de música, baile e diversión. A música correrá a cargo das orquestras Ciudad Cristal e Compostela. Tamén actuará o grupo Ciclón, os tríos PK2 e Unión y Fuerza, así como o dúo Máster. Todos os días haberá misas rezadas ás 10:00 e misas solemnes as 13:00 horas.
Un ano máis a Asociación Cultural - Comisión de festas de San Lourenzo de Agrón, en colaboración co Concello de Ames, é a encargada de organizar as festas desta parroquia amesá. As celebracións en Agrón comezarán este luns, 10 de agosto, na honra San Lourenzo. Haberá misa rezada ás 10:00 h e misa solemne ás 13:00 horas. Tralos actos relixiosos, actuará na sesión sesión vermú a orquestra Ciudad Cristal. Pola noite a verbena estará amenizada pola música do dúo Máster e da orquestra Ciudad Cristal.
O martes, 11 de agosto, día no que se celebra a festividade do Santísimo Sacramento, a festa comezará cunha misa rezada ás 10:00 h e con outra misa solemne que se celebrará ás 13:00 horas. Tralos actos relixiosos realizarase a sesión vermú, que estará amenizada polo trío PK2. Xa pola noite haberá unha gran verbena na que actuarán o grupo Ciclón e o trío PK2.
O último día das festas será o mércores, 12 de agosto. Nesta xornada honrarase a San Roque. O primeiro acto do día será unha misa rezada, que se celebrará ás 10:00 horas. Despois, ás 13:00 horas, haberá outra misa neste caso solemne. A continuación desenvolverase a sesión vermú na que actuará o trío Unión y Fuerza. As festas de Agrón rematan pola noite cunha gran verbena a cargo da orquestra Compostela e do trío Unión y Fuerza.




