Pestanas principais

A parroquia de Agrón celebra esta fin de semana as últimas festas desta temporada estival

Venres, 07 de outubro de 2016

[07-10-2016] O Concello de Ames despide a temporada festiva deste ano coas festas patronais da parroquia de Agrón que se celebrarán o sábado 8 e o domingo 9. A Asociación Cultural - Comisión de festas de San Lourenzo será, unha vez máis, a encargada de organizar estes festexos que honran a San Andrés e á Virxe do Rosario. Ademais dos actos relixiosos haberá música a cargo do dúo Nueva Era e do grupo Atenas.

Ás 13:00 horas do sábado oficiarase unha misa solemne na honra de San Andrés. Posteriormente, a sesión vermú estará amenizada pola Asociación Cultural Os Castros. Pola noite haberá un gran verbena a cargo do dúo Nueva Era e do grupo Atenas.

O domingo, tamén ás 13:00 horas, celebrarase unha misa solemne previa á sesión vermú. Neste caso desenvolverase na honra da Virxe do Rosario. Nesta ocasión a sesión vermú estará amenizada polo dúo Nueva Era, que repetirá actuación na xornada do domingo.

Cómpre destacar que o campo da festa estará cuberto por unha gran carpa para evitar as inclemencias climatolóxicas, e ademais, contarase cunha gran cantina no campo da festa e cun amplo aparcadoiro que estará vixiado e iluminado.