Pestanas principais

A parroquia da Ameixenda celebra esta fin de semana as festas na honra de santa Mariña

Mércores, 22 de agosto de 2012

[22-08-2012] A parroquia amiense da Ameixenda celebra os días 24, 25 e 26 de agosto as festas na honra da súa patroa santa Mariña. Moito divertimento e música para unha festividade onde os veciños e veciñas poderán gozar do espectáculo das orquestras Superstar, Supremos, Obice Capital, o grupo La Calle e o trío Menfis. Ademais, os máis cativos poderán gozar cos inchables, o touro mecánico, coches e bicicletas os días 25 e 26. Instalarase unha carpa por se o tempo non acompaña e haberá aparcadoiro gratuíto.

O venres 24 de agosto comezará a festa na honra de santa Mariña, patroa desta parroquia amiense. Os actos relixiosos comezarán ás 10:00 horas coa misa rezada e posteriormente ás 13:00 h. realizarase a misa solemne na honra de santa Mariña e da virxe das Dores. Tralos actos relixiosos a orquestra Superstar amenizará a sesión vermú. Pola noite, a gran verbena será a encargada de entreter aos asistentes, responsabilidade que correrá a cargo da orquestra Superstar e do trío Menfis.

O sábado 25 os actos relixiosos celebraranse á mesma hora, pero esta vez estarán adicados ao Santísimo Sacramento. O aperitivo estará acompañado de música grazas a presenza da orquestra Supremos. Ademais, a sesión vermú contará coa actuación do grupo de música e danza tradicional Os Castros. As orquestra Supremos e Obice Capital encherán de son a verbena da noite.

O último día das festas, o domingo 26 de agosto, as celebracións relixiosas estarán dirixidas a honrar a virxe do Rosario coa misa rezada ás 10:00 h. e coa misa solemne ás 13:00 horas. A sesión vermú e a verbena da noite contarán coa actuación do grupo La Calle.

Ademais, os máis cativos poderán gozar cos inchables, o touro mecánico, coches e bicicletas os días 25 e 26. Instalarase unha carpa por se o tempo non acompaña e haberá aparcadoiro gratuíto. Dende a comisión de festas da Ameixenda agradécenlle a todos os veciños/as, casas comerciais e ao Concello de Ames a súa colaboración na organización destas festas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Música y atracciones infantiles centran las fiestas de la parroquia amiense de Ameixenda"
El Correo Gallego: "A parroquia da Ameixenda celebra esta fin de semana as festas na honra de santa Mariña"